Unha de cada catro vítimas da violencia de xénero en Pontevedra son mulleres estranxeiras
Por Redacción
Ata 227 vítimas da violencia machista na provincia de Pontevedra, un 22% dos casos activos no sistema integral de seguimento, son mulleres estranxeiras. Así o revelou este xoves a subdelegada do Goberno, Maica Larriba, nunha xornada técnica.
Larriba engadiu que, para "desmitificar" o que considera un "mantra" de certos partidos políticos, só hai 177 agresores que non son españois, apenas un 16% do total.
"Estranxeiro non é sinónimo de todos os males da seguridade no noso país. A violencia machista non entende de nacionalidades", defendeu a subdelegada.
Foi durante a xornada sobre autorizacións de residencia para mulleres estranxeiras vítimas de violencia de xénero que organizou a Unidade contra a Violencia sobre a Muller no salón de actos da Subdelegación do Goberno de Pontevedra.
Esta iniciativa, na que participaron case medio centenar de profesionais da provincia, fixo fincapé nos diferentes aspectos dun problema que xera vítimas cunha "situación extrema" de vulnerabilidade económica e laboral.
Con respecto aos datos sobre as autorizacións de residencia ás estranxeiras vítimas da violencia machista, a subdelegada informou que desde o 2006, ano no que comezaron a contabilizarse as estatísticas do sistema VioGén, ata o pasado mes de agosto, na provincia de Pontevedra concedéronse 182 permisos.
A de hoxe, na que participou Juan Carlos Vázquez, director da área de Traballo e Migracións da propia Subdelegación, foi a segunda das tres xornadas formativas organizadas con motivo do 25N, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres
A derradeira xornada celebrarase o luns 13 de decembro e centrarase na violencia de xénero no ámbito xudicial. Belén Rubido de la Torre, xuíza do Xulgado do Penal número 4 de Pontevedra, especializado en violencia de xénero, e Paula Blasco Muela, fiscal da Fiscalía de Vigo serán as encargadas de impartir as dúas charlas.
Relacionadas:
-
'Gritos', de Alba 'Fada', relato gañador do concurso escolar contra a violencia de xénero
Por Redacción |
-
Deteñen un home de 30 anos que agrediu violentamente a súa parella diante do fillo
Por Redacción |
-
O Consello Municipal da Muller renunirase o vindeiro 2 de novembro
Por Redacción |
-
Chamada á "concienciación social" contra a trata de persoas para rematar con esa forma actual de escravitude
Por Redacción |
-
RADIO.- Falamos de malos tratos psicolóxicos, "da forza da voz para facer dano"
Por Marisa Ciordia |
-
"O negacionismo crece porque cada vez se senten máis fortes. Hai un discurso político que os lexitima"
Por Redacción |