Denuncian un veciño de Marín por manipular a máquina expendedora de tabaco do seu bar
Por Redacción
Axentes da Patrulla Fiscal da Garda Civil de Marín comprobaron, ao realizar a inspección nun bar da vila, que había anomalías nas datas da autorización de venda de tabaco. Segundo a Garda Civil, estas datas inducían a erro se non se analiza o documento e o seu contido en profundidade, dando aparencia de ser legal.
Tras poñerse en contacto co Comisionado do Mercado de Tabacos en Madrid, confirman que a autorización que se expón na máquina expendedora de tabaco ten manipulada a súa data de expedición, o número de autorización e a data de caducidade.
Ante esta situación, os axentes da Garda Civil establecen unha denuncia contra o propietario do establecemento, J.M.D.O. de 59 anos de idade e veciño de Marín, ao que imputan por falsificación de documentos públicos. Instruíronse as correspondentes dilixencias que foron entregadas no Xulgado de Instrución número dous de Marín.