Menores infractores aprenden boas prácticas ao volante para mellorar a reinserción
Por Redacción
Durante este mes de outubro, no Centro de Intervención Educativa en Medio Aberto (CIEMA) que a Asociación ARELA ten en Pontevedra trabállanse aspectos relacionados coa educación viaria. Neste centro, atenden a menores que cometen feitos tipificados coma delitos ou faltas e que teñen a obriga de cumprir medidas xudiciais en medio aberto (liberdades vixiadas, tarefas socioeducativas ou prestacións en beneficio da comunidade) na súa maior parte do Xulgado de Menores de Pontevedra.
Un ano máis, e xa é a terceira ocasión na que se realiza este programa, vólvese facer un traballo específico en educación viaria co colectivo de adolescentes que cumpren diferentes medidas xudiciais. Pouco a pouco vaise afianzando este programa coma unha actividade exemplarizante e moi educativa non só para os menores, senón tamén para os usuarios da Asociación Alento e os axentes da Policía Local de Pontevedra.
O obxectivo principal desta formación é promover un cambio de actitudes e valores que permitan una conduta vial responsable, tanto os menores como para o resto de usuarios das vías, ademais de previr a comisión de delitos relacionados coa seguridade viaria.
Baixo o título, "Adolescente, con permiso!", durante tres semanas consecutivas os mozos recibiran sesións teóricas de xeito grupal, explicándoselle os conceptos teóricos básicos dunha correcta educación viaria, reforzados a través de vídeos explicativos e presentacións realizadas para que se poidan traballar estes conceptos dende un contexto máis informal e menos sentido de aula.
O mércores 23 de outubro, coincidindo coa semana na que se celebra o Día do Dano Cerebral adquirido (26 de outubro), os menores desprazaranse á sede da Asociación Alento de Vigo, dirixida por Gonzalo Mira, entidade que traballa con persoas que teñen dano cerebral adquirido, moitos deles por accidentes de tráfico.
A sesión inclúe unha visita guiada, na que os propios usuarios farán de anfitrións dos menores, para posteriormente pasar a unha parte de intercambio de experiencias, no que a través do relato de varias historias tentarán concienciar os menores sobre o importante da súa responsabilidade e a que respecta a terceiras persoas. Posteriormente pasarase a xogar a unha práctica deportiva coñecida coma "boccia" na que disputarán un encontro amistoso entre estas dúas realidades. Polo tanto, a través de conversas cos diferentes usuarios e mediante o uso de xogos específicos participarán nunha xornada lúdica buscando unha finalidade de gran carga emotiva e educativa para todos, perseguindo poñer en práctica habilidades sociais de cara a promover a empatía de cara os demáis.
Posteriormente o 30 de outubro os menores desprazaranse ás instalacións da Policía Local en Pontevedra, e a través das explicacións do coordinador de Educación Viaria deste corpo policial, Antonio Duarte Solla, farán unha visita guiada polas instalacións deste corpo policial, e coñecerán in situ o traballo destes profesionais. A segunda parte desta visita contempla o desprazamento ó parque móbil sito en Mollabao, onde a través de prácticas reais mediante o uso de bicicletas nun circuito pechado, simularán situacións reais de tráfico e onde analizaranse as principais infraccións.
O obxectivo principal dos CIEMA da Asociación ARELA é acadar a non reincidencia dos menores, a responsabilidade e autonomía persoal, así como a aprendizaxe, coa cooperación dos axentes sociais e das familias.