Avanzan as tramitacións para mellorar o abastecemento de auga en Costas e Bexe
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
O goberno local avanza en dous proxectos relacionados coa auga. As Mesas de Contratación propuxeron a adxudicación para a rehabilitación integral do depósito de auga da Costa e para a creación da rede de abastecemento de auga para Bexe, en Seixo. Esta proposta farase efectiva a través da Xunta de Goberno Local.
A reforma do depósito de auga céntrase en mellorar as condicións desta infraestrutura, que se atopa deteriorada. Os traballos servirán para acondicionar o depósito coa cámara de chaves, ademais de renovar a caldeiraría e as válvulas, para mellorar a manipulación do sistema.
A empresa adxudicataria proposta é Sodein Soluciones Integrales por un importe de máis de 163.201 euros. O prazo para executar os traballos será de cinco meses. O investimento realizarase con cargo ao Plan Concellos 2021 da Deputación de Pontevedra, segundo informan desde o goberno local.
A rede de abastecemento para Bexe ten como finalidade reducir os problemas de subministración de auga neste lugar de Seixo. A obra foi moi demandada pola veciñanza xa que ata o de agora o abastecemento realizábase a través de traídas privadas, unha situación que causaba problemas durante épocas de seca.
33 vivendas beneficiaranse desta proposta que a Mesa de Contratación establece en máis de 126.686 euros á empresa Construcciones Obras y Viales. A duración establecida para acometela sitúase en tres meses.