Rúas anegadas e cortes de tráfico na autovía de Marín polo temporal de vento e choiva
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
![](/web/cache/scene/uploads/fotos/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjKxUipKLc6sStUxMjDQSU_/_7NK0kt0snNTEnJSVWyrgUA_/52657d7e325cf-lluvia1.jpg)
CC BY-NC-SA PontevedraViva
![](/web/cache/scene/uploads/fotos/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjKxUipKLc6sStUxMjDQSU_/_7NK0kt0snNTEnJSVWyrgUA_/52657e0315029-arboln-550.jpg)
CC BY-NC-SA PontevedraViva
![](/web/cache/scene/uploads/fotos/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjKxUipKLc6sStUxMjDQSU_/_7NK0kt0snNTEnJSVWyrgUA_/52657e1ec5704-lluvia2.jpg)
CC BY-NC-SA PontevedraViva
O temporal de nivel laranxa por vento e choiva que afecta ás provincias da Coruña e Pontevedra dende o mediodía deste luns deixou ao longo da tarde rúas anegadas e complicacións puntuais da circulación na capital e os concellos e estradas dos arredores.
Fontes da Policía Local de Pontevedra confirmaron que unha das principais complicacións no que ao tráfico se refire se rexistrou na autovía de Marín. A estrada inundouse á altura da factoría de Ence e tivo que intervir a Garda Civil de Tráfico para cortar a circulación por un carril.
Ademais, rexistráronse anegamentos nas rúas Gorgullón e Conde Bugallal. No dous casos, a acumulación de auga levantou arquetas, creáronse charcos e foi necesario que intervisen os técnicos de Aquagest para restablecer a situación.
A choiva e o vento dos que alertou a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior tamén foron supostamente os responsables dun corte do subministro eléctrico que afectou á rúa Loureiro Crespo ao longo da tarde.
Xa fora da cidade, pasadas as 20.30 horas da tarde produciuse unha complicación na circulación pola estrada N-550 Pontevedra-Caldas de Reis. A caída dunha árbore na calzada obrigou á intervención da Garda Civil de Tráfico no límite entre Pontevedra e o veciño municipio de Barro. Quedou cortado ao tráfico o carril de circulación en dirección a Santiago e deuse paso alternativo aos vehículos en ambos sentidos.
Segundo as predicións da Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET), a partir das 15.00 horas iniciouse un fenómeno meteorolóxico adverso por choiva no oeste e suroeste da provincia da Coruña e toda a provincia de Pontevedra, onde tamén haberá unha alerta laranxa costeira.
O Centro de Atención ás Emerxencias (CAE) 112 Galicia xestionou ao longo da tarde un total de 127 incidencias a causa das chuvias e do vento. As provincias atlánticas condensaron o maior número de intervencións. Así, na Coruña, producíronse o 83% dos incidentes, mentres que un 15% ocorreron en Pontevedra e o 3% restante en Lugo e Ourense. A maior parte das incidencias estiveron relacionadas con inundacións en rúas, vivendas e estradas; bolsas de auga nas estradas e pólas de árbores caídas.
O punto de maior actividade tivo lugar entre as 18.00 e as 19.00 horas. Segundo informaron os servizos meteorolóxicos, canto a fronte de choiva vai avanzar ata as 2.00 horas, mentres que o nivel laranxa de vento alcanzarase ás 21.00 horas.