Un mal adiantamento provoca un accidente con cinco vehículos implicados
Por Oskar Viéitez
A avenida de Castrelo, no concello de Cambados, rexistrou este sábado un aparatoso accidente de tráfico no que milagrosamente non houbo danos persoais a pesar de que cinco vehículos sufriron desfeitas.
O suceso tivo lugar sobre as 7.30 horas da mañá.
Segundo a información facilitada pola Policía Local, un vehículo estaba a adiantar a un camión cando se atopou con outro coche que viña de fronte por ese carril, ao tentar evitalo o condutor deu un volantazo golpeando ao camión no costado.
Como consecuencia do impacto o camión saíu da vía e chocou contra outros tres turismos que estaban aparcados na rúa, levándose por diante un poste do tendido eléctrico e un muro de peche.
A Policía Local indicou que o condutor que presuntamente causou o accidente, pola súa banda, continuou a súa marcha, aparcou máis adiante e abandonou o lugar.
Horas máis tarde, o vehículo foi localizado e abríronse dilixencias xudiciais ao propietario e posible condutor.
Como consecuencia do accidente a estrada PO-550 estivo cortada en sentido Sanxenxo ata as 13.30 horas.