A Aula Mentor de Poio ofrecerá trinta cursos formativos
Por Redacción
O Concello de Poio anuncia que nas vindeiras semanas procederase a abrir o período de matriculación para a Aula Mentor.
Este servizo está impulsado polas concellerías de Promoción Económica e Educación e está dirixido a persoas maiores de 18 anos, co obxectivo de impulsar a formación a distancia.
Os responsables de ambos departamentos, o socialista Gregorio Agís e a nacionalista Raquel Rodríguez, lembran que esta ferramenta impúlsase a través dun convenio asinado co Ministerio de Educación e Formación Profesional, a través do cal Poio pasa a ser, xunto a Ponte Caldelas e Catoira, o único municipio da provincia de Pontevedra que recibe unha achega por parte do Goberno estatal para impulsar esta actuación.
As sesións telemáticas impartiranse desde o Centro de Formación da Reiboa, na parroquia de San Xoán. Será a orientadora laboral a encargada de coordinar a Aula Mentor de Poio.
O Concello porá a disposición da veciñanza toda a información necesaria a través dos seus perfís en redes sociais e na páxina web (www.concellopoio.gal).
Serán 30 os cursos que a Aula Mentor ofrecerá unha vez estea posta en marcha. En concreto, a través deste programa se busca impulsar iniciativas formativas para persoas adultas que formen parte de aqueles colectivos que máis padecen o problema da brecha dixital.
Así, estas formacións estarán centradas sobre todo nas mulleres do rural ou colectivos vulnerables.
O uso das novas tecnoloxías, a utilización de programas e ferramentas como procesadores de texto, a utilización axeitada de redes sociais, coaching ou emprendemento dixital son algunhas das temáticas que se abordarán nestes cursos.
O Concello de Poio vén de recibir unha subvención de 4.000 euros por parte do Ministerio de Educación e Formación Profesional, para esta actividade.
Relacionadas:
-
Poio pon en marcha a súa Aula Mentor coa que ofrecerá formación dixital
Por Redacción |
-
O Servizo de Orientación Laboral de Poio asesorou máis de 700 persoas no último ano
Por Redacción |
-
Poio solicita cartos ao Ministerio para ofrecer unha aula mentor para impartir formación telemática
Por Redacción |