A cita previa no Concello e a biblioteca de Marín deixará de ser necesaria a partir de outubro
Por Redacción
A partir do 1 de outubro volve a actividade presencial nos locais municipais dependentes do Concello de Marín, para os que o goberno local elaborou un protocolo de acceso e de utilización para facer cumprir coa normativa vixente a nivel sanitario.
Os espazos que están suxeitos ao protocolo son o Parque Azul de Cantodarea, a antiga Aula de Música, os salóns da Finca de Briz, o local social da Cañota, a antiga Cámara Agraria, as Casas de Cultura de Seixo e Mogor e os salóns de Méndez Núñez. O uso destas instalacións está dirixido ás asociacións e entidades sociais e culturais que están censadas no Rexistro Municipal de Entidades do municipio de Marín.
Na páxina web do Concello pódese descargar o protocolo relativo ao uso das instalacións municipais, no que se poden atopar ademais os anexos que se deben presentar para poder acceder ás mesmas.
Por outra banda, a partir do día 1 tamén rematará a obligatoriedade de solicitar cita previa para realizar trámites nos departamentos de Rexistro, Tesourería e no Padrón. Así a todo, aínda que xa non será obligatorio, o bo funcionamento que deu o sistema motiva o seu mantemento para aquelas persoas que queiran seguir utilizándoo.
No que respecta ás consultas cos departamentos técnicos si será preciso pedir cita, tal e como xa se viña facendo antes da chegada da pandemia.
Esta fin da obrigación da cita previa estenderase tamén para a Biblioteca Pública Vidal Pazos, na que se poderá acceder ao préstamo con normalidade e que a partir do venres recuperará o seu horario habitual, de 9 a 21 horas.