Marín reactiva a bonificación de taxas municipais aos locais que pechen durante as restricións
Por Redacción
O Concello de Marín decidiu reactivar as bonificacións de taxas aos locais de hostalería do municipio, coincidindo coa entrada en vigor das novas restricións que lles obrigan a pechar as súas portas e limitar a súa actividade á comida para levar e ao servizo a domicilio.
Desta forma desde este mércores 26 de xaneiro os establecementos afectados beneficiaranse da bonificación da taxa de lixo e da auga no que respecta ao canon.
"Deste xeito, cando se pase á cobranza o primeiro trimestre do ano, bonificaremos aquelas semanas durante as que non sexa posible abrir a actividade", explicou a alcaldesa, María Ramallo.
Esta medida manterase durante o tempo que duren as restricións "por se se amplían máis aló das tres semanas anunciadas ata o momento".
TELETRABALLO NA ADMINISTRACIÓN LOCAL
Por outra banda, a alcaldesa de Marín explicou que nas últimas semanas facilitouse "o teletraballo en todos os casos nos que é preciso", unha posibilidade que agora se manterá coordinándoa coa creación de quendas que poidan permitir a boa prestación dos servizos municipais.
En todo caso a recomendación é utilizar, na medida do posible, a posibilidade de realizar xestións telemáticas a través da sede electrónica.