Sanidade duplicará a Unidade de Esterilización do Hospital do Salnés
Por Redacción
O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, informou este mércores no Parlamento de Galicia, da construción dunha nova unidade de esterilización no hospital público do Salnés. A infraestrutura duplicará á superficie actual adicada a este proceso, adaptando así á capacidade do seu bloque cirúrxico, tras ampliación do centro sanitario.
O titular da carteira sanitaria da Xunta avanzou que a nova unidade de esterilización licititarase nos vindeiros días por un importe de 770.000 euros.
García Comesaña subliñou que "o hospital do Salnés medrou en superficie e tamén medrou na súa carteira de servizos".
Neste senso, lembrou o investimento de 8,5 millóns de euros cos que o Executivo galego ampliou o centro hospitalario arousán, e que lle permite contar cunha nova área de urxencias, un bloque cirúrxico dotado con 5 quirófanos, unha área obstétrica que multiplica por cinco a súa superficie anterior, e un hospital de día que conta 10 boxes.
Ademais, informou da partida de preto dun millón de euros para adquisición de equipamento, entre o que se atopan: cardiotocógrafos, incubadora para a área obstétrica, respiradores BIPAP para urxencias, arco radiocirúrxico e unha torre de endoscopia para o bloque cirúrxico.
Finalmente, tamén destacou o incremento da carteira de servizos do hospital comarcal, ao incorporar nos últimos anos as especialidades de cardioloxía, neuroloxía, ademais da oncoloxía médica.