Prazo aberto para optar aos premios do concurso 'Crea economía social' con ideas de negocio
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
O Campus Crea da Universidade de Vigo e AJE-Pontevedra poñen en marcha o concurso 'Crea economía social' para premiar as mellores ideas de negocio baseadas en principios de economía social que elaboren integrantes do estudantado, Persoal Docente e Investigador (PDI) e Persoal de Administración e Servizos (PAS) do campus pontevedrés.
Búscanse proxectos que desenvolvan servizos ou produtos que sexan viables economicamente e, ao mesmo tempo, útlies. O prazo para presentar propostas finaliza o 13 de outubro. A convocatoria establece catro categorías: mellor idea de negocio en artes, comunicación e creatividade; a mellor en educación, innovación social e xestión pública; a máis destacada en deporte, saúde e benestar; e por último, a proposta máis notable en temas de medio ambiente e natureza.
As persoas participantes deberán entregar o formulario da páxina web do concurso www.creaeconomiasocial.com no correo electrónico contacta@creaeconomiasocial.com. Tamén poden presentar un vídeo que non supere o minuto de duración coa descrición da idea de negocio, a necesidade que cobre, o produto ou servizo que comercializa e toda a información que considere necesaria para presentar o proxecto.
Aquelas persoas interesadas en participar contarán cun servizo de apoio que lles axude a resolver as súas dúbidas antes de presentar a candidatura. Este asesoramento pode solicitarse a través do correo contacta@creaeconomiasocial.com ofrecendo os datos de contacto.
Concederase un premio de 250 euros en cada unha das categorías destinado á persoa ou grupo de persoas integrantes do proxecto.