Carmela Silva denuncia que a conselleira de Infraestruturas "está a ameazar e chantaxear" a quen se opón á lei do ciclo da auga
Por Oskar Viéitez
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, asegurou que a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, "non pode ameazar e chantaxear aos concellos e ás deputacións que nos opoñemos á lei", en referencia ao anteproxecto de lei redactado pola administración autonómica sobre a xestión do ciclo da auga "que pretende cargar novos gastos a deputacións e concellos", segundo sostén a presidenta provincial.
Para Carmela Silva a actitude de Ethel Vázquez é "intolerable" por ser unha persoa "que representa á cidadanía" e que "debería ser a primeira que teña unha posición democrática".
A presidenta provincial lembrou que "forma parte da democracia que os gobernos propoñan e que o resto de administracións e a oposición fixen a súa posición". Neste caso, a de Deputación de Pontevedra é contraria ao contido desa norma "e a conselleira está a ameazar e chantaxeando, é intolerable", reiterou Silva. "A Xunta de Galicia non é o chiringuito da conselleira de Infraestruturas", engadiu.
Debido á celebración do pleno provincial do mes de setembro, Carmela Silva non puido asistir este venres á xornada de traballo convocada pola conselleira e o presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias, Alberto Varela, para falar deste anteproxecto coas entidades locais. No seu lugar asistiron cargos técnicos da administración provincial pontevedresa.
Nesta reunión de traballo, a Xunta ampliou de novo en dúas semanas o prazo de presentación de alegacións á lei do ciclo da auga.
Carmela Silva insistiu en que a nova lei que impulsa a Xunta "vai supoñer aumento de custos tanto para as usuarias e usuarios como para as empresas" e tamén reiterou que "rompe cos principios da autonomía local".
A xuízo da presidenta da Deputación de Pontevedra a conselleira de Infraestruturas "non ten comportamentos democráticos e iso non se pode asumir" polo que espera que "sexa respectuosa co dereito da xente e das administracións para manifestar as súas opinións".
Finalmente engadiu unha advertencia a Ethel Vázquez "que saiba que esta administración provincial non lle vai a consentir nin ameazas nin chantaxes. Nin a Deputación de Pontevedra nin os concellos desta provincia, que o teña claro a señora conselleira de Infraestruturas".
"É indignante o que está a facer, o ton no que o fai: ameazante, moi ameazante", sinalou Carmela Silva. "Non podo entender que haxa xente así na política".
A mandataria socialista apuntou que "o que ten que facer a Xunta de Galicia é dedicar recursos a planificar a políticas da auga", para o que pode recorrer, segundo dixo, a fondos europeos.
Trala reunión celebrada este venres en Santiago, a Deputación de Pontevedra insta á Xunta a que retire "de inmediato" o anteproxecto de lei unha vez que "nin o propio presidente Feijoo, nin a súa conselleira son capaces de negar a notable suba que este dislate suporía nos recibos da cidadanía e das empresas galegas", segundo dixo o deputado Carlos López Font.
Relacionadas:
-
A Deputación volve esixir a "retirada inmediata" da futura Lei do Ciclo da Auga
Por Redacción |
-
A Xunta afirma que a ley de xestión do ciclo da auga non vai crear novos impostos senon reordenar os xa existentes
Por Oskar Viéitez |
-
Carmela Silva asegura que a Xunta aumentará o recibo da auga ata o 180% nos fogares e o 130% nas empresas
Por Oskar Viéitez |
-
A Deputación está disposta a levar aos tribunais o modelo de xestión da auga da Xunta
Por Oskar Viéitez |