'Fugas e Interferencias', o congreso internacional sobre performance do campus, volve ao formato presencial
Por Redacción
O grupo de investigación PE4 Imaxes e Contextos, coa colaboración do Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) e da Vicerreitoría do campus de Pontevedra, retoma a actividade presencial, despois do ano marcado pola pandemia, na sexta edición do congreso internacional sobre performance, que leva por título Fugas e Interferencias.
Desde o 30 de setembro ata o 2 de outubro desenvolverase este congreso académico único no seu formato en España no que se recollen conferencias, mesas de presentación e actuacións con actividades tanto na sede da Vicerreitoría do campus, situada na Casa das Campás en Pontevedra, como no CGAC, en Santiago.
Segundo explica o profesor Carlos Tezo, da Facultade de Belas Artes, a intención é crear unha masa crítica e de reflexión ao redor da performance que poida cubrir o silencio que se rexistra durante anos no contexto académico e artístico. Tezo dirixe coa investigadora e crítica de arte Marta Pol Rigau un foro no que se presentarán máis de vinte estudos de investigadores de universidades de España, Portugal e México, segundo recolle o DUVI.
Durante as xornadas desenvolveranse seis mesas de presentación de investigacións programadas e presentaranse catorce estudos, ademais de impartirse dúas conferencias plenarias a cargo do artista Jaime Vallaure e de Maite Garbayo, unha investigadora sobre estudos de xénero e performance.
Poderanse ver, ademais, diferentes performances como 'Abstinencia', obra de estudantes de Belas Artes. Será o xoves 30 diante da Casa das Campás.