Alfonso Rueda, reelixido presidente provincial do PP con mensaxe cara ENCE: "Imos ser aliados dos postos de traballo"
Por Diego Espiño
Alfonso Rueda foi proclamado este sábado como presidente provincial do PP de Pontevedra. Fíxoo recibindo o apoio do 98,13% dos votos no congreso celebrado no auditorio pontevedrés de Afundación.
O líder popular, reelixido no cargo, prometeu no seu discurso "traballo, ilusión e a unidade do partido para os próximos anos", tras agradecer o respaldo recibido.
Precisamente a cohesión do partido durante os próximos anos é un dos seus principais obxectivos, como o é "recuperar todo o perdido e manter todo o que temos", sinalou.
Rueda fixou esas metas para gobernar nas maiorías absolutas porque "é o único que lle vale ao Partido Popular, e imos traballar para garantir gobernos estables e de crecemento en todos os concellos".
Entre os asuntos tratados no seu discurso o reelixido presidente provincial do PP, que estivo arroupado no congreso polo presidente do Partido Popular de galego Alberto Núñez Feijóo, non se esqueceu dun dos temas candentes na comarca de Pontevedra como é o futuro da pasteira ENCE.
"Aquí en Pontevedra hai un goberno do Bloque que por un trofeo político, coa covardía e compracencia do PSOE, está a piques de botar a máis de 5.000 persoas á rúa. Imos ser aliados dos postos de traballo e non imos consentir que iso pase", defendeu o dirixente popular.
@ARueda68: "Aquí en Pontevedra hai un goberno do BNG que por un trofeo político, coa cobardía e complacencia do Psoe, está a punto de botar á rúa a máis de 5.000 familias. Nós imos a ser aliados dos postos de traballo, sempre" #CamiñandoXuntos pic.twitter.com/ZOquq8Go0m
— PP Pontevedra Prov. (@pontevedrapp) September 18, 2021
Nesta liña Alberto Núñez Feijóo acusou o goberno local de Pontevedra de ser o responsable de "provocar unha irresponsabilidade coa economía da cidade, da provincia e de Galicia" coa súa postura sobre a pasteira de Lourizán xa que "en Galicia non sobran industrias". Por ese motivo o líder do PP autonómico e presidente da Xunta de Galicia asegurou que a súa formación apoiará "aos traballadores, ao porto de Marín e ás empresas da madeira".