Vaipolorío busca voluntarios para erradicar os "plumachos" do río Gafos
Por Oskar Viéitez
O colectivo Vaipolorío levará cabo este sábado, día 18 de setembro, unha xornada de erradicación nas marxes do río dos Gafos de exemplares da especie-invasora coñecida como "herba da Pampa" que non fai máis que incrementar gravemente a degradación das marxes do río.
Se vai traballar na eliminación dos "plumachos" para impedir que se espallen as sementes e den lugar a novos exemplares. E tamén se actuará arrincando os exemplares novos, xa que resulta doado e reduce gastos e esforzos.
Os interesados en participar teñen que chamar previamente ao teléfono 676 842 942.
A Cortaderia selloana ou Herba da Pampa é unha gramínea invasora incluída no "Listado y Catálogo Español de Especies Exóticas Invasoras". Segundo o Real Decreto 630/2013, as especies exóticas invasoras constitúen unha das principais causas de perda de biodiversidade no mundo, circunstancia que se agrava en hábitats e ecosistemas especialmente vulnerables.
Esta herba veu de sudamérica polos anos 1980, simplemente como planta decorativa. Alguén pensou que na autoestrada sería un bonito ornamento e de norte a sur espallouse por toda Galicia. En cada un dos seus plumeiros atópanse máis de 100.000 sementes que se propagan con facilidade cada vez que pasa un coche. Desgraciadamente converteuse nunha nova peaxe.
Hai que arrincalas por medios mecánicos xa que tolera tanto as altas temperaturas e os periodos de seca como as xeadas invernais.