Alfonso Rueda apela á unidade do Partido Popular para recuperar a provincia
Por Redacción
O candidato a presidir o PP de Pontevedra, Alfonso Rueda, mantivo un encontro esta fin de semana en Marín coa alcaldesa, voceiros e compromisarios da comarca, dentro da campaña electoral interna que está realizando de cara ao Congreso provincial que se celebra o sábado na cidade do Lérez.
Rueda dixo que "se presenta con forza e con moitas ganas" e que o obxectivo "é poñer de relieve que o PP é garantía de estabilidade e crecemento alí onde goberna, e por iso será fundamental traballar todos xuntos para recuperar a provincia".
O Congreso celebrarase o sábado 18, en horario de tarde, no Centro Social de Afundación, en Pontevedra. Participarán aproximadamente 700 persoas, a maior parte compromisarios de todos os concellos da provincia, unha cifra que garante cumprir con todas as medidas de seguridade xa que está por debaixo do aforo máximo permitido para esta instalación.
Do Congreso sairá a nova executiva do PP de Pontevedra, "unha executiva renovada, disposta a traballar arreo pola provincia e que será a encargada de dirixir o partido nos próximos anos". "O reto, subliña, é trasladar os resultados das eleccións autonómicas do ano pasado a todos os concellos da provincia nas próximas eleccións municipais".
"O PP non renuncia a ningunha alcaldía, manteremos as que temos e aspiramos a gobernar no resto", apuntou.
Para isto, subliñou que a unidade e a cohesión do PP son fundamentais. "O PP xa gaña eleccións, pero necesitamos maiorías que permitan gobernar e evitar que o resto de partidos se alíen contra o PP".
Por último recordou que "aos veciños ou afiliados non lles importa un partido sesgado nin as confrontacións internas, aos veciños non lles interesan os personalismos nin os protagonismos, o que demandan é un partido que traballe e que mire polos intereses de todos, que administre e que resolva".
Relacionadas:
-
O PP renova o 73% do comité de dirección provincial, cun peso importante dos alcaldes
Por Redacción |
-
Luis López será o novo secretario xeral do PP en Pontevedra
Por Redacción |
-
A nova executiva do PP de Pontevedra contará con coordinadores en todas as comarcas
Por Redacción |
-
O PP, coa mente posta nas municipais de 2023: "Non renunciamos a nada"
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |