O Plan de Emerxencias Municipal de Pontevedra non se actualiza desde o ano 2007
Por Redacción
O concelleiro do Partido Popular Pablo Fernández acaba de recibir resposta á pregunta que realizou no Pleno municipal do 19 de xullo sobre a actualización do Plan de Emerxencias Municipal. O documento non se actualiza desde 2007, de aí a pregunta de Fernández, a pesar de existir un acordo plenario para renovar o documento de 2017.
Na contestación por escrito, a concelleira encargada, Eva Villaverde, di: "Está a piques de ser entregado o texto definitivo do Plan de actuación municipal fronte ao risco de incendios forestais". No escrito non se fai referencia á actualización doutros protocolos, como os operativos no centro urbano.
Pablo Fernández manifestou que "nos parece unha temeridade que o Concello estea a deixar de lado a actualización dun documento de tanta importancia para a seguridade cidadá. Operativos de emerxencia están a verse comprometidos", mantivo o popular.
O documento remitido pola edil nacionalista remata indicando que unha vez se actualice o Plan de actuación para os incendios forestais "será incorporado ao Plan de emerxencias municipal para a súa actualización e adecuación ao PLATERGA e ao resto de lexislación vixente".
"En ningún momento fai referencia á actualización do resto do Plan municipal", explicou Fernández.
O concelleiro popular insistiu no atraso que xera en diferentes urxencias que este documento non estea actualizado. Segundo explicou, esta é unha guía na que se deben basear os bombeiros ou os condutores de ambulancias, entre outros servizos de emerxencias, para actuar na cidade, "que é obvio que cambiou moitísimo desde 2007".
O concelleiro volverá preguntar na seguinte comisión o motivo polo cal non se actualiza a totalidade esta guía.