O PP denuncia falta de efectivos no persoal de bombeiros
Por Manu Otero
O Partido Popular de Pontevedra denuncia graves deficiencias no servizo municipal de bombeiros. A concelleira Pepa Pardo faise eco das queixas do persoal de emerxencias, que xa fixeron chegar ao goberno local, e alerta da falta de efectivos e as malas condicións de traballo que deben soportar a diario estes profesionais.
"Os bombeiros merecen as mellores condicións, pola súa seguridade e pola da poboación. Están saturados e faltan efectivos, nalgunhas xornadas non se cumpren as cocientes para gardas nin para saídas", denuncia a edila poñendo o foco nunha actuación na que só puideron desprazarse dous bombeiros, algo que incumpre de forma flagrante as normas de seguridade.
Critica a popular que os traballadores están a asumir funcións de traballadores de superior categoría para as que non están formados nin se lles retribúen de forma adecuada. Ademais, segundo os populares, tampouco poden acceder a cursos de formación porque non lle conceden os días libres para asistir. As horas extraordinarias non se fan de forma voluntaria e tamén teñen dificultades para conciliar a vida profesional coa persoal
Por todo iso, o partido Popular posiciónase ao lado dos traballadores e apoia todas as peticións que xa lle fixeron chegar ao departamento de persoal que dirixe a nacionalista Carmen Fouces. A ela reclámanlle o inicio das negociacións "de forma inmediata".
Neste sentido, recalca Pardo a súa crítica cara á xestión en materia de persoal da concelleira Fouces, á que responsabiliza do malestar xeneralizado de varios departamentos do Concello. Por iso, pide ao alcalde Lores que "tome cartas no asunto" e atenda aos bombeiros.
O persoal do corpo de bombeiros de Pontevedra está formado actualmente por 36 profesionais, unha cifra insuficiente para cumprir co establecido pola lei, que obriga a ter dúas dotacións de seis bombeiros por cada quenda de traballo.
Relacionadas:
-
O corpo de bombeiros de Pontevedra incorpora unha nova zodiac con tecnoloxía pioneira no Estado
Por Redacción |
-
Arde material de obra situado entre a Residencia de Maiores en construción e a igrexa Virxe do Camiño
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
O Plan de Emerxencias Municipal de Pontevedra non se actualiza desde o ano 2007
Por Redacción |