Descobren unha plantación ilegal de marihuana en Ponte Sampaio
Por Redacción
Un home de 34 anos foi detido pola Policía Local de Pontevedra como responsable da plantación ilegal de marihuana que descubriron en Ponte Sampaio.
Foi o pasado sábado, sobre as once da mañá, cando os axentes, que acudiran á parroquia por un asunto relacionado co tráfico, percibiron un forte cheiro a marihuana.
Xa desde a vía pública e a simple vista puideron ver a plantación, que estaba no interior dunha leira. Ao achegarse comprobaron que eran plantas de cannabis de máis de dous metros de altura.
Persoal do Concello procedeu a retirar as plantas que resultaron ter un peso aproximado de 15 quilos entre follas e cogollos.
O detido, que é veciño de Ponte Sampaio, está acusado dun delito contra a saúde pública.