Os bateeiros eluden falar de perdas económicas "porque non hai mortandade e o mexillón segue nas cordas"
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
Creada e actualizada
Creada e actualizada
A conselleira do Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana, os técnicos do Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia (Intecmar) e o propio sector mexilloeiro trasladaron unha mensaxe de "certo optimismo" ao remate da reunión do Consello do Mexillón celebrado este mércores en Vilaxoán.
A directora do Intecmar, Covadonga Salgado, destacou "unha lixeira melloría" tras constatar "certa estabilidade" nos informes de células tóxicas realizados polo centro de control con niveis que se manteñen ou que mesmo descenden lixeiramente respecto a xornadas anteriores. Así no informe emitido este mércores ás 19:53 horas se abriron dous polígonos mejilloneros na ría de Arousa, un na Pobra e o outro en Cambados. Son os dous primeiros habilitados neste ría, aos que hai que sumar os 5 de Redondela onde tamén se pode traballar.
Rosa Quintana insistiu en que "en ningún caso hai que ser alarmistas" e que "o consumidor ten que ter as garantías de que se ten un centro de control que é referencia a nivel internacional e que está funcionado moi ben e tamén un sector moi maduro e moi profesional que fai os seus propios controis".
"Tampouco ten sentido de momento solicitar indemnizacións nin axudas"
Os bateeiros presentes no Consello do Mexillón coincidiron en sinalar que polo momento "non se pode falar de perdas económicas porque non hai mortaldade e o mexillón segue nas cordas". Polo tanto, engadiron, "tampouco ten sentido de momento solicitar indemnizacións nin axudas".
Neste sentido, Rosa Quintana, supeditou a concesión de posibles indemnizacións polo episodio de marea vermella, ao feito de cumprir os "criterios obxectivos" recollidos no regulamento comunitario.
No caso de que o episodio de marea vermella se prolongue, Rosa Quintana adiantou que se adoptarán medidas como por exemplo aumentar o número de cordas permitidas en cada batea para facer desdobres e evitar que se perda a produción.
Na reunión tamén se acordou que o Intecmar intensifique a realización de mostraxes naquelas zonas nas que se perciba un descenso do índice de toxicidade co obxectivo de abrilas no prazo máis breve posible unha vez que os índices acaden os niveis permitidos.
"Ninguén no sector fixo aínda unha valoración de perdas"
Ao termo do Consello, o presidente da asociación de mexilloeiros Virxe do Rosario de Vilaxoán, Javier Blanco, considerou positivos os peches preventivos decretados en pasadas xornadas "porque o primeiro que interesa ao propio sector é garantir o produto que chega ao consumidor" e engadiu que "ninguén no sector fixo aínda unha valoración de perdas".
Ademais asegurou ser "moderadamente optimista" tras coñecer as previsións do Intecmar.
Xuntanza no Intecmar
Rosa Quintana, conselleira de Mar e Medio Rural
© Xunta de Galicia