Abre as súas portas a Casa de Familia Aldaba en Vilagarcía
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
Este martes foi inaugurada oficialmente a Casa de Familia da Fundación Aldaba en Vilagarcía. Trátase dun centro de atención público xestionado por esta Fundación que acolle oito nenos que foron tutelados ou están en situación de garda pola Xunta de Galicia.
O obxectivo da Casa de Familia é proporcionar aos menores residentes benestar, intentando responder ás súas necesidades coa finalidade de favorecer o pleno desenvolvemento de todas as facetas da súa personalidade nun ambiente o máis parecido ao ámbito familiar. Ademais pretende promover a adquisición de competencias e capacidades dos menores ademais de apoiar as súas familias no desenvolvemento do seu labor educativo.
Este fogar busca favorecer a integración social dos nenos que conviven nel, para iso participan activamente en todo tipo de actividades externas e de convivencia cos seus iguais fóra do contexto residencial.
A Casa de Familia Aldaba ofrece a oito nenos as seguintes prestacións: aloxamento, roupa e calzado, atención sanitaria, atención socioeducativa, ocio e tempo libre, inserción socio-laboral e traballo coas familias.
A Casa ten a distribución dunha vivenda familiar, con cuartos amplos e luminosos, onde cada menor conta cun espazo propio e personalizado onde pode dedicar tempo ao estudo, escoitar música... Caracterízase polas tonalidades alegres e variadas, tanto en paredes coma no mobiliario o cal xunto coa luz, ventilación, a orde e limpeza a converten nun espazo acolledor e familiar. Ademais, a súa situación en pleno centro urbano de Vilagarcía favorece a relación co ámbito e o acceso a servizos da comunidade que redundan nunha maior autonomía dos menores residentes.