"Los toxicómanos decían que había llegado el Viejo y que traía material"
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot
José G.C. ten 60 anos e leva máis de 30 enganchado ás drogas. "Consumo heroína y cocaína", explicou este martes ante a Sección Segunda da Audiencia Provincial onde se lle xulgou por tráfico de drogas. El nega que trapichease na capela do poboado chabolista do Vao, di que só compraba para autoconsumo.
"Dispongo de una pensión de 600 euros y de un piso en alquiler", respondeu para xustificar de onde sacaba o diñeiro para custear a súa adicción. Foron todas as explicacións que quixo dar ao seu avogado, negándose a contestar ás preguntas do fiscal.
Xunto a José, no banco dos acusados, sentouse Lucas M.G. que, a diferenza do seu compañeiro, admitiu que traficaba.
A investigación foi levada a cabo por parte da Garda Civil de Pontevedra e comezou nos primeiros meses de 2012 cun dispositivo vixilancia na zona do poboado chabolista do Vao. Os axentes explicaron que cando José chegaba á capela do Vao acudían numerosas persoas coñecidas como consumidores de substancias estupefacientes.
"Los toxicómanos decían que había llegado el Viejo y que traía material", relataron os gardas civís durante o xuízo. Neses labores de seguimento comprobaron reiterados cambios de domicilio de José, residindo en pensións e no domicilio da súa compañeira sentimental, todos eles en Pontevedra.
Desprazábase en taxi cando saía por Pontevedra e no coche doutro consumidor. Os axentes do Instituto Armado informaron que dende O Vao se trasladaba ata Ribadumia, onde, despois de percorrer varias pistas secundarias, chegaban a un camiño apartado e pouco transitado, a cuxo encontro tamén acudía, conducindo un Volkswagen Golf, o outro acusado Lucas M.G.
Así as cousas, o día 15 de novembro, sobre as 12 horas, os dous acusados estiveron xuntos na cafetaría Don José, sita na rúa Padre Fernando Olmedo, sendo interceptados á saída polos axentes da Garda Civil, que procederon a un cacheo superficial, no que acharon, entre as roupas de Lucas diversas substancias estupefacientes manifestando os axentes que tiña máis no seu domicilio en Vilanova e no dos seus pais, en Barrantes. No rexistro practicado nestas vivendas requisáronse diversos útiles para o tráfico de droga polo miudo así como diversas cantidades de cocaína e cannabis.
O fiscal acusa estes homes de senllos delitos contra a saúde pública na súa modalidade de substancias que causan grave dano á saúde polo que solicita a José G.C. unha pena de 5 anos de prisión e multa de 30.000 euros.
Para Lucas M.G., tivo en conta o recoñecemento dos feitos, a colaboración coa Xustiza durante a instrución da causa así como un atenuante pola súa drogodependencia, polo que rebaixou a súa petición inicial de pena de 4 anos a 3 anos de prisión, e igualmente rebaixou a petición de multa de 30.000 a 16.620 euros. Mostrando o acusado a súa conformidade con esta solicitude de condena.
Pola súa banda o avogado defensor de José pediu a libre absolución do seu cliente apuntando que a Fiscalía carece dunha proba de cargo e que só basea a súa acusación en probas indirectas. Ademais desautorizou a "escasa credibilidade" do testemuño de Lucas e relacionou a imputación de José "coa súa negativa a ser confidente, tal e como o propuxo a Garda Civil".
O xuízo quedou visto para sentenza.