Disolven unha pelexa entre vinte mozos que se 'picaran' por Instagram
Por Alejandro Espiño
A Policía Nacional viuse obrigada a disolver unha pelexa multitudinaria que se rexistrou o pasado venres en Pontevedra. Os protagonistas, unha vintena de mozos que, segundo as autoridades, xa se enfrontaran a través das redes sociais.
A pelexa, confirman desde a comisaría de Pontevedra, produciuse na Praza de España.
Os mozos levaron á rúa a disputa dialéctica que, antes de coincidir fisicamente, tiveran a través de Instagram. Os mozos non se citaron expresamente, pero ao atoparse na rúa comezaron a pegarse.
Coa colaboración da Policía Local de Pontevedra, os axentes identificaron os intervintes, algúns dos cales foron denunciados por falta de respecto á autoridade.
Ademais, a Policía Nacional tamén actuou nunha segunda pelexa, neste caso na Avenida de Santa María, na que foron identificadas oito persoas, entre elas varios menores.
Unha das persoas recibiu unha patada na cabeza e, debido á brecha que presentaba, foi trasladado ao Hospital Montecelo para ser atendido das súas feridas.
A vítima non presentou denuncia aínda, segundo confirma a Policía.