Evacúan de madrugada da illa de Ons unha muller ferida tras caer nun noiro
Por Redacción
Os servizos de emerxencia tiveron que intervir a pasada madrugada na illa de Ons para evacuar ao hospital unha muller despois de sufrir unha caída.
A ferida foi evacuada nunha embarcación de Salvamento Marítimo ata o porto de Bueu, onde a agardaba unha ambulancia do equipo sanitario de urxencias que lle prestou unha primeira asistencia e, a continución, procedeu ao seu traslado ao Hospital Montecelo de Pontevedra.
Un axente forestal da illa realizou a chamada de alerta á central do 112 Galicia preto da unha da madrugada e comunicou que a muller caera dun noiro e necesitaba asistencia sanitaria especializada para avaliar a súa situación.
Segundo a información facilitada polo centro de atención de emerxencias de Galicia 112, pasouse aviso aos profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, aos membros de Salvamento Marítimo e ao Servizo de Gardacostas de Galicia.
Nun principio, os equipos de intervención analizaron a posibilidade de mobilizar ao helicóptero de rescate, pero esta opción quedou descartada ao comprobar que as condicións climáticas eran desfavorables para o desprazamento da aeronave.
Finalmente, a embarcación Salvamar Mirach, de Salvamento Marítimo, efectuou o traslado da ferida ata o peirao de Bueu co fin de facilitar a súa posterior evacuación ao centro médico.
O 112 tamén deu aviso á Garda Civil e a Policía Local de Bueu.