Reteñen tres ladróns en Benito Corbal, ao identificalos como autores dun furto en perfumes por valor de 1.500 euros
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
![](/web/cache/scene/uploads/fotos/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjKxUipKLc6sStUxMjDQSU_/_7NK0kt0snNTEnJSVWyrgUA_/525c3e2bcb53a-003.jpg)
CC BY-NC-SA PontevedraViva
![](/web/cache/scene/uploads/fotos/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjKxUipKLc6sStUxMjDQSU_/_7NK0kt0snNTEnJSVWyrgUA_/525c3eb1b0912-007.jpg)
CC BY-NC-SA PontevedraViva
Sobre as 19:30 da tarde deste luns, tres cidadáns de orixe estranxeira, dous homes e unha muller, entraban na tenda Bodybell situada na rúa Benito Corbal. Cargados con bolsas dirixíanse cara á sección de perfumes. Ao velos, as dependentas recoñecéronos e decidiron pasar á acción. Pecharon as portas do establecemento e alertaron os arredor de 12 clientes que se encontraban no seu interior de que non se podería saír ata que chegase a Policía Nacional. Un dos sospeitosos mesmo foi parado por unha das dependentas cando intentaba ir cara á porta.
Dez minutos máis tarde, aparecían dúas dotacións da Policía na entrada de Benito Corbal. Os axentes achegáronse ata a tenda e alí as dependentas denunciaron que os tres cidadáns foran os autores dun furto durante o venres pasado. Segundo explicaban, en compañía doutros dous compañeiros entraran na tenda con bolsas forradas e nuns minutos leváranse perfumes por valor de 1.500 euros aproveitando a numerosa presenza de clientes no establecemento.
Unha das dependentas comentaba que ao velos entrar de novo este luns na tenda cargados con grandes bolsas, recoñecéronos de inmediato e, para evitar un novo furto, decidiron pechar as portas e avisar os axentes da Policía Nacional que trasladaron aos tres presuntos autores ata a comisaría.