O doutor pontevedrés Pérez Olmedo está a aplicar con éxito tratamentos de ozonoterapia en enfermos graves con covid-19
Por Redacción
J. F. M. é un varón de Castelló da Plana que requiriu ingresar nunha UCI da súa Comunidade ao enfermar pola covid-19. A súa familia solicitou que se lle administrase ozonoterapia como tratamento compasivo.
Un tratamento compasivo, ou acceso ampliado, é un tratamento que se aplica a un paciente - en situación grave ou potencialmente mortal - e que non está aprobado oficialmente para tratar unha enfermidade, neste caso a covid-19. Recórrese ao mesmo cando fallaron os tratamentos autorizados para a enfermidade concreta, ou non hai alternativas ao tratamento.
Ante a negativa da dirección do centro, o Hospital Universitario da Plana, a familia de J.F. solicitou autorización xudicial para poder acceder á terapia e así o ditou un xuíz a comezos deste mes de agosto. Con esa sentenza en mans da familia é cando o doutor Juan Carlos Pérez Olmedo comezou a tratar ao paciente cos seus tratamentos de ozonoterapia. Aínda continúa en Castelló, aplicando esta terapia coa que o farmaceútico castellonenco está a manifestar unha gran melloría e recuperou a consciencia.
Pérez Olmedo é especialista en Medicina de Familia, Medicina Biolóxica e Integrativa, técnico ortopédico, referente internacional na Ozonoterapia moderna e dirije o Centro Ozonoterapia Saúde en Pontevedra xunto a Héctor López-Bande.
Non é o primeiro, nin o segundo caso de persoas afectadas por covid-19 e en situación extrema que o doutor Pérez Olmedo tratou con éxito, superando a enfermidade; de feito forma parte dun ensaio clínico en Latinoamérica e aquí en España xa hai quen se interesou polos seus tratamentos con ozono para aplicalo como tratamento contra este coronavirus.