Os veciños piden uns bancos para a nova pasarela peonil de Raxó
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
Portos de Galicia vén de rematar as obras de reforzo da seguridade peonil do peirao de Raxó. O presidente do ente público, José Juan Durán, xunto co alcalde de Poio, Luciano Sobral, visitou este luns a zona na que vén de quedar aberta a nova pasarela peonil que une a estrada xeral coa dársena, reforzando a seguridade viaria.
Portos de Galicia investiu nesta actuación 103.000 euros e o prazo de execución reduciuse a dous meses, fronte aos catro previstos inicialmente. A pasarela ten unha lonxitude de 122 metros, dando acceso dende a estrada xeral á dársena, cun ancho de 3 metros, reservado en exclusiva para os peóns.
A obra inclúe ademais melloras no tráfico rodado, xa que incorpora dous pasos de peóns elevados no vial de acceso ao porto. O primeiro deles está situado a uns 50 metros da parte alta da pasarela, mentres que o segundo situase ao término da parte baixa. Instaláronse tamén varias pilonas na parte alta que dan acceso peonil á pasarela voada, minimizando os riscos para os peóns. Finalmente, a petición dos veciños, Portos de Galicia estudará a posibilidade de instalar bancos para os viandantes na pasarela.