As costureiras solidarias de Barro pasan a ser asociación e implícanse en axuda da cambadesa Merchi Álvarez
Por Redacción
Este próximo venres 20 de agosto, Barro contará cunha nova asociación no municipio. As mulleres que de forma solidaria, en abril do ano pasado, puxéronse a confeccionar máscaras para facer fronte á pandemia xerada pola covid-19, constitúense como colectivo.
A intención destas 'costureiras solidarias I+D' é dar continuidade a actividades de colaboración e así teñen tamén claro cal será o seu próximo obxectivo: axudar na campaña de recollida de fondos para a cambadesa Merchi Álvarez. Presenta unha doenza chamada enfermidade de AME e solicita colaboración cidadá para viaxar ata Corea e recibir un tratamento que require dunha contía de 80.000 euros. Xa conseguiu máis de 50.000 resultado de achegas e accións que están a ter lugar en Galicia.
Tras a sesión constitutiva, e como primeira acción, ofrecerase unha charla informativa sobre esta doenza na que participarán representantes da Asociación GaliciAme. Comezará ás 21.00 horas, diante do centro Cívico de Barro. Ademais de propostas solidarias, tamén serán activas no ámbito da cultura, así como con "distintos oficios e labores".
Solicitan aos veciños de Barro a máxima colaboración para que "entre todos consigamos que Merchi poida cumprir o seu soño de ter unha posibilidade para superar a súa enfermidade con este tratamento". Por este motivo distribuirán huchas para donativos en comercios e establecementos de hostalería. Estas huchas pódense solicitar tamén a través de Messenger e poderanse realizar achegas ata principios de setembro.
Relacionadas:
-
Merchi Álvarez poderá tratarse en Corea grazas a unha enorme onda de solidariedade
Por María José Pita |
-
Unha cambadesa necesita 80.000 euros para tratar a súa atrofia muscular espiñal atípica en Corea
Por María José Pita |
-
Barro reparte máscaras hixiénicas entre os nenos do municipio de cara ao inicio das súas saídas o domingo
Por Redacción |