Servizos mínimos de salvamento na praia Compostela mentres os socorristas pasan a corentena por covid-19
Por Redacción
O Concello de Vilagarcía reorganiza os seus servizos para lograr manter aberto o posto de salvamento da praia de Compostela a pesar de que todo o persoal se atopa en corentena dese o sábado por ser contactos directos dun compañeiro afectado por covid-19.
Co obxectivo de velar pola seguridade dos bañistas e que estes poidan recibir atención durante as horas de maior afluencia ao areal, establecéronse uns servizos mínimos que estarán operativos todos os días.
Un socorrista traballará en horario de tarde (de 15 a 20 horas) ata que se poida restablecer o servizo en plenas condicións.
Os socorristas que permanecen en activo ao non ter estado en contacto co afectado realizarán as quendas extras a conta dos seus días libres.
Ademais, o Concello contará coa colaboración da agrupación de voluntarios de Protección Civil, de tal maneira que o servizo quedará asegurado nese horario. Un socorrista prestará o servizo de vixilancia e atención polas tardes contando co apoio dende o mar dunha embarcación de Protección Civil tripulada por dous voluntarios.
A praia continuará sen bandeira azul ata que o servizo non se poida restablecer cos horarios e co número de socorristas que corresponden segundo as ratios establecidas pola Adeac para un areal das dimensións e o número de visitantes como os que ten a Compostela.
Polo momento, segue habendo un único caso positivo de covid-19 entre o plantel de socorristas adscritos ao posto da Compostela.