Sanxenxo celebrará a primeira quincena de novembro as súas Xornadas gastronómicas de outono
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
Sanxenxo celebrará na primeira quincena do mes de novembro unhas xornadas gastronómicas nas que serán protagonistas os produtos de outono. Así o acordou este luns o Consello de Administración de Turismo de Sanxenxo unha vez que a proposta contou co respaldo dos restauradores locais que o venres acudiron á reunión convocada pola concelleira delegada desta área.
Esta será unha das accións que a empresa mixta, integrada polo Concello de Sanxenxo e o CETS, desenvolverá de forma inmediata dentro do convenio de colaboración asinado fai uns días coa Axencia de Turismo de Galicia, destinado ao fomento desta actividade económica, cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do Programa Operativo Feder Galicia 2007-2013.
Entre os plans a curto prazo desta sociedade destaca tamén a implantación de melloras no portal web www.turismodesanxenxo.com, co fin de reforzar o seu posicionamiento, revisar e analizar as incidencias, levar a cabo as modificacións necesarias para evitar ataques externos e traducir a páxina a distintos idiomas, como inglés, francés e galego.
Está previsto á súa vez situar paneis informativos dos recursos turísticos máis importantes do municipio para poder acceder desde calquera Smartphone ou tablet aos datos multimedia asociados a calquera punto de interese. "Con elo ofreceremos múltiples posibilidades de promoción e interpretación, difusión e revalorización dos distintos puntos de interese cultural, abríndose a novos canles de comunicación e enriquecendo substancialmente a experiencia dos visitantes", argumentou Almudena Aguín.
Paralelamente, a empresa mixta desenvolverá unha aplicación que permitirá aos usuarios acceder desde os seus teléfonos móbiles aos puntos de interese turístico, contando ademais con xeolocalización. Este servizo estará dispoñible para plataformas IOS e Android e distribuirase a nivel mundial en distintos idiomas a través das tendas App Store e Google Play.
Outra das actuacións previstas é a reedición dos folletos turísticos xenéricos de Sanxenxo e daqueles relativos aos itinerarios guiados pola vila de Portonovo. "Tamén faremos novo merchandising de Turismo de Sanxenxo para continuar co posicionamento da marca e distribuílo en feiras, wokshops, congresos, xornadas, visitas de axentes de viaxes, entre outros, e poder ofrecerllo tamén aos visitantes que se acheguen ás oficinas de turismo municipais", comentou a concelleira.
Unha campaña de promoción en medios de comunicación convencionais e online de Sanxenxo Degustación e Sanxenxo Degusta Dulce e a impresión de folletos informativos acerca destes programas completarán as iniciativas que a sociedade mixta realizará a través do acordo subscrito coa Axencia de Turismo de Galicia e que recibiron o visto bo do seu consello de administración.