Sanxenxo busca a complicidade dos restaurantes para ampliar a oferta gastronómica en outono
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
A concelleira delegada de Turismo de Sanxenxo, Almudena Aguín, manterá este venres un encontro con restauradores do municipio para propoñerlles a realización de novas actuacións que complementen a oferta gastronómica local. Turismo de Sanxenxo aposta por ampliar a outono a realización de propostas que "potencien a riqueza e variedade da nosa gastronomía e o bo facer dos profesionais deste concello".
Almudena Aguín expoñerá aos participantes na reunión a posibilidade de levar a cabo durante a primeira quincena de novembro unhas xornadas temáticas en torno a algún dos produtos propios desta tempada. "Esta iniciativa iría destinada a atraer visitantes ao municipio fora da época estival utilizando un dous principais atractivos deste destino, como é a gastronomía; pero tamén estaría dirixida aos veciños do municipio e do resto da comarca", engadiu.
A concelleira aproveitará tamén para informar os asistentes sobre os termos do convenio subscrito a pasada semana con Turismo de Galicia que contempla a posta en marcha de distintas iniciativas promocionais. Precisamente, entre as actuacións previstas destaca a realización dunha campaña divulgativa sobre os distintos produtos desenvolvidos en materia gastronómica pola empresa integrada polo Concello de Sanxenxo e o CETS.
Turismo de Sanxenxo pretende, pois, anunciar en medios de comunicación convencional e online 'Sanxenxo Degustación', mediante o que os restaurantes participantes ofertan un menú degustación ao prezo único de 25 euros IVE incluído, e que está composto por dous entrantes, primeiro e segundo prato, sobremesa, pan, café e un servizo de bebida.
'Sanxenxo Degusta Dulce' tamén estará incluído nesta acción, que considera, así mesmo, a edición de novos folletos actualizados de ambos os dous produtos.