A Festa do Marisco bota o peche con 92.000 porcións vendidas
Por Redacción
A carpa do Corgo, punto neurálxico da Festa do Marisco do Grove, botou o peche na noite deste domingo. Rematou a edición número 50 do evento gastronómico, a primeira dende que foi declarada Festa de Interese Turístico Nacional, e deixou un balance positivo a pesar da crise económica: vendeuse ao redor de 92.000 porcións de comida.
As vodas de ouro da festa meca supuxeron un descenso das vendas próximo ao 10% con respecto ao ano anterior, baixada xa previsible ao non coincidir, a diferenza doutras edicións, con ningunha ponte festiva (o 12 de outubro coincidiu en sábado).
Os tíckets vendidos a primeira hora da noite, unhas horas antes do peche da caixa, supoñen unha facturación de 452.000 euros, fiel reflexo de que durante os dez días de festa, dende o venres 4 de outubro, todos os días houbo un gran bulicio na carpa do Corgo.
Entre os veciños, turistas e visitantes que acudiron á cita gastronómica o polbo foi o produto estrela, con máis de 6.000 pratos vendidos na edición deste 2013. O arroz de marisco, as navallas, o mexillón, as cigalas e a nécora foron, por esta orde, os produtos máis demandados polos comensais.
Na última xornada os protagonistas foron a Noite Meiga da media noite do sábado ao domingo e, polo día, a resolución do resultado do Simposio Internacional de Escultura ao aire libre. Os premios entregáronse a mediodía e resultou gañador Radoslav Sultov (Bulgaria) co a súa obra "Regeneration". Foi galardoado cun Centolo de Ouro e 2.200 euros. O segundo posto foi para a italiana Isabella Corni con "Lorelei" (Centolo de Plata e 1.100 euros) e o terceiro para Hugo Pereira (Uruguai) coa escultura "Zoo-forma" (Centolo de Plata e 900 euros).