O Grove encara a recta final da Festa do Marisco
Por Redacción
A Festa do Marisco do Grove xa está na súa recta final. Chegou este 2013 con gran forza, a que lle daban celebrar as súas vodas de ouro e estrear o recoñecemento de Festa de Interese Turístico Nacional. Tras dez días de mariscadas, actividades de ocio e cultura e exaltación da gastronomía e a pesca, este domingo 13 de outubro pechará de novo as súas portas, esperando xa a celebración da súa edición número 51 en 2014.
Este sábado, penúltimo día coas carpas abertas, a directora de Turismo de Galicia, Lameira Castro Domínguez, foi unha das protagonistas. Asistiu ao concurso de pratos condimentados elaborados con mexillón que organizou Amegrove na carpa institucional do recinto feiral da cita gastronómica.
A festa inclúe na súa programación non só a famosa degustación de marisco nos seus postos a prezos populares, senón tamén concursos gastronómicos con mariscos como protagonistas, actividades complementarias, actuacións musicais, torneos e eventos deportivos, así como eventos didácticos, seminarios e conferencias.
Unha desas accións complementarias é o concurso de Amegrove, cuxos gañadores se coñecerán ás 22.00 da noite no Facebook de Amegrove e na súa páxina web. A entrega de premios celebrarase este domingo, último día de festa, ás 12.00 horas. Será un dos momentos máis esperados da xornada, pois o Concurso de Pratos condimentados de Mexillón Amegrove está dotado con 3.000 euros en premios. Tres serán outorgados na categoría de gusto, con mil euros para o primeiro, 500 para o segundo e 250 para o terceiro. Outros tres, na categoría de presentación, con 700 para o primeiro, 400 para o segundo e 200 para o terceiro.
O venres tamén estivo cargado de actividades, sendo a principal a gala de entrega dos Centolas de Ouro no Pavillón de Congresos da Toxa. Os catro galardoados foron este ano, polas vodas de ouro da festa, do propio municipio do Grove: Luis Cambados, Marcelina Prol, Rafael Mourelos e a agrupación de Protección Civil.
Este domingo tamén se entregarán, ás 13.00 horas, os premios do Simposium de Escultura ao aire libre. Media hora despois, ás 13.30 horas, será o desfile do marisco, que corre a cargo do grupo de teatro Enxebre e xa pola tarde o broche final da festa poñerano a iiesta infantil a cargo de Javi Solla, con karaoke, e, ás 19.30 horas, a actuación das Pandereteiras de Axupen. Pola noite, a carpa pechará coa confianza en que se cumpran as previsións de ter recibido 150.000 persoas.