Aparecen pintadas na fachada do Casino coa mensaxe "Nazi"
Por Redacción
Catro letras, unha en cada unha das bases das columnas que presiden a fachada do edificio do Casino de Pontevedra. E entre todas conforman a palabra NAZI. Así é a pintada que apareceu á primeira hora da mañá na rúa Manuel Quiroga, que desde a entidade condenan con contundencia.
Os responsables do Casino atoparon a pintada este mércores á primeira hora e durante a mañá xa limparon as catro letras, escritas en cor verde.
Desde a dirección da entidade, o seu presidente, Jaime Olmedo, cualificou o ocorrido como un "acto de vandalismo sin sentido ninguno" e sinalou que no Casino " "no comulgamos con ninguna ideología política", de modo que "no tiene sentido" que fagan pintadas e tampouco que inclúan esa mensaxe.
A última hora da mañá fontes policiais confirmaron que ninguén acudira á Comisaría da Policía Nacional a denunciar o ocorrido e que tampouco lles alertaron do ocorrido.
Xa pola tarde, Jaime Olmedo confirmou que teñen intención de denunciar nos próximos días, como se merece un acto de vandalismo deste calibre.