Bará sobre as críticas do PP en Benito Corbal: "Aparecen sós coma cans na rúa"
Por Natalia Puga
O concelleiro de Obras Urbanas de Pontevedra, Luis Bará, reaccionou este venres de forma dura ante as críticas realizadas polo PP pola "improvisación" nas obras de peatonalización de Benito Corbal. Recriminou aos concelleiros da oposición que con afirmacións como esa demostran que "ao Partido Popular moléstalle profundamente que se faga esta obra. Nótaselle un profundo malestar, non o poden disimular".
Os edís do PP convocaron aos medios ao lado da zona das obras para cuestionar a forma na que se están a executar. Ante tal comparecencia, Bará reprochoulles que "aparecen sós coma cans na rúa" denunciando un malestar veciñal que "inventan".
"Se hai afectados o lóxico é que te reúnas con eles e que teñas contacto veciñal, pero aquí dedícanse a ir en grupos de catro a visitas polas parroquias e polos barrios, pero eu non vexo que se reúna nunca con supostos perxudicados ou afectados", criticou e mesmo lles recomendou a que cambien as súas estratexias de denuncia.
Seguindo co seu ton duro, o edil de Obras Urbanas interpretou que este tipo de críticas "inventadas" do PP son "ridículas". "Cada un fai o ridículo como quere, é dicir, que nós non lle imos dicir ao Partido Popular como facer a oposición sen facer o rídiculo", sinalou ao respecto.
Ademais, sinalou que o Concello está "satisfeito" coa execución das obras a pesar das incidencias denunciadas polos edís da oposición e quixo responder a todas elas e sinalar que "o traballo previo para a organización dos traballos é de manual de boas prácticas".
Así, asegurou que "están inventando problemas que non existen" ao asegurar discrepancias cos taxistas cando "está resolto hai días". Deu a mesma resposta ás críticas 'populares' sobre as paradas dos autobuses, as supostas críticas do hospital Miguel Domínguez e o hotel Rías Baixas ou o acceso aos garaxes, pois "non hai ningún garaxe que teña interumpida a súa entrada".
Relacionadas:
-
A Banda de Música de Pontevedra amenizará a inauguración da zona peonil de Benito Corbal
Por Anxo Lourido |
-
Críticas do Partido Popular á "improvisación" coa que se executan as obras en Benito Corbal
Por Alejandro Espiño |
-
"Normalidade absoluta" no primeiro día de corte ao tráfico de Benito Corbal para a súa peonalización
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |