Situación "límite" da Atención Primaria no Salnés con centros de saúde "a piques do colapso"
![Alejandro](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/dee/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/5624216432-20150128-patxot-alex-espino-002.jpg)
Por Alejandro Espiño
En Sanxenxo, de dez médicos só hai tres. Faltan ademais dúas enfermeiras. No Grove, falta un médico, outro atende por horas e un terceiro só por teléfono. Hai a metade de enfermeiras, só catro. En Cambados, hai cinco médicos e non os dez que deberían estar e só cinco das nove enfermeiras. En Vilagarcía, faltan nove médicos.
É a denuncia que realizou este mércores o BNG, que alerta da "situación límite" na que se atopa a atención sanitaria no Salnés, como consecuencia de doce anos de "recortes continuados" na Atención Primaria.
Así o asegurou a deputada Montse Prado que, ante o centro de saúde de Baltar, advertiu do risco de "colapso" do sistema sanitario e do "caos" na xestión que denuncian tanto os profesionais como os pacientes.
"Non está garantida unha asistencia de calidade", asegurou Prado, que reclamou á Xunta de Galicia "que deixe de enganarse a si mesma e á veciñanza do Salnés", onde a pesar do aumento poboacional no verán "están cada vez con menos profesionais".
Se antes da pandemia, subliñou a deputada do BNG, era "imposible" atender toda a demanda, nestes momentos os profesionais están "desbordados" ao ver aumentado o seu volume de traballo, xa que deben realizar o seguimento dos positivos por covid-19.
Montse Prado reiterou que "é unha auténtica barbaridade" a presión que están a soportar os profesionais sanitarios ante a inexistencia dunha "política decente de contratación" que lles impide atender patoloxías habituais ou facer seguimento aos crónicos.
A falta de persoal está a provocar, engadiu Prado, que sexa "imposible" ofrecer aos pacientes unha atención de calidade e que se "poña en risco" a saúde física e mental dos profesionais sanitarios e duns usuarios "que non reciben a atención que precisan".