
© Xunta de Galicia
Galicia restrinxe as reunións sociais e prohíbeas de madrugada para frear os contaxios

Por Natalia Puga

© Xunta de Galicia

© Xunta de Galicia
A Xunta de Galicia pedirá autorización ao Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) para "esixir o control nas reunións" e que a recomendación que fixeran nas últimas semanas de limitar as reunións sociais entre persoas non conviventes pase a ser unha obrigación.
En concreto, o Goberno galego quere limitar as reunións sociais tanto en domicilios como na rúa e que sexan dun máximo de 6 persoas non conviventes en interior e 10 en exterior ou de dúas unidades de convivencia, fomentando os grupos burbulla.
Así, se todas as persoas que acoden á reunión son de dous grupos de convivencia poderán superar os 6 en interior e os 10 en exterior, pero nunca se as persoas reunidas proceden de máis de dúas unidades de conviventes.
O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, explicou este mércores que aínda se descoñece cando se aplicará esta medida porque están pendentes da autorización xudicial.
As limitacións serán máis estritas durante a madrugada. Así, quedarán totalmente prohibidas as reunións de non conviventes entre a unha e as seis da madrugada nos concellos en niveis máximo e alto. No resto de Galicia, a limitación será entre as tres -hora do peche do lecer nocturno- e as seis da madrugada.
Esta prohibición afecta a domicilios e á rúa e un dos obxectivos desta medida é limitar a interacción en contextos como os botellóns. "Non podemos seguir vendo imaxes de botellóns", explicou Feijóo, lembrando que os botellóns están prohibidos en toda Galicia desde o ano pasado.
Feijóo recoñece que "non son medidas agradables" pero insiste na necesidade de aplicalas na situación actual. "Un non elixe a situación que lle toca xestionar, un ten que xestionar a realidade, e parécenos que son as medidas mais axeitadas", indicou.
Segundo indicou, víronse obrigados a tomar estas medidas por varios motivos, entre eles, a falta de vacinas, a previsión de incremento da presión asistencial e a elevada taxa de positividade, que pasou de ser inferior ao 5% a roldar o 10%. Así, de manterse a taxa de contagios actual durante as próximas semanas, en 15 días calcúlase que podería haber 400 pacientes hospitalizados e 100 en UCI e a mediados de agosto podería haber xa 1.000 pacientes nos hospitais galegos.
Feijóo fala de situación "preocupante", en especial entre as persoas menores de 30 anos, que aínda non están vacinadas. No últimos sete días, o 80 % dos novos positivos tiñan menos de 40 anos e os grupos máis afectados son aqueles de 12 a 19 e de 20 a 29 anos.
A incidencia acumulada nestes dous grupos de idade de 12 a 29 supera os 1.000 casos por cada 100.000 habitantes mentres que entre os maiores de 80 é de 36 casos e na franxa de 70 a 79 é de 50 casos.
Relacionadas:
-
A xustiza avala limitar desde mañá as reunións sociais en Galicia
Por Alejandro Espiño |
-
Adiantan a vacinación para os menores de 30 anos e empezarán a ser citados a próxima semana
Por Natalia Puga |
-
Lores celebra a "saída intermedia" das novas restricións para "non culpar sempre aos mesmos"
Por Alejandro Espiño |
-
Lores celebra a "saída intermedia" das novas restricións para "non culpar sempre aos mesmos"
Por Alejandro Espiño |
-
Vacinación completa ou proba negativa para acceder ao interior da hostalería dos concellos en nivel máximo e alto
Por Natalia Puga |
-
Sanxenxo, O Grove, Meaño e Cambados pasan a nivel máximo e Pontevedra, A Illa, Vilagarcía, Vilanova , Marín e Poio a alto
Por Natalia Puga | Creada e actualizada