Pontevedra quere acoller en 2022 o congreso Place Making Week Europe
![Alejandro](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/dee/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/5624216432-20150128-patxot-alex-espino-002.jpg)
Por Alejandro Espiño
A cidade de Pontevedra presentou a súa candidatura para acoller no ano 2022 o congreso Place Making Week Europe, un evento que os seus organizadores definen como o maior encontro internacional entre expertos en deseño urbano.
Tras celebrarse en Ámsterdam, Estocolmo e Valencia, a covid-19 deixou en suspenso este congreso, pero a través de diversos contactos, o Concello soubo que a organización está a buscar cidades interesadas en albergar a próxima edición deste encontro.
A concelleira de Promoción da cidade, Anabel Gulías, explicou que "agardamos ser os acolledores" desta cita e avanzou que "poremos todo o que faga falta no asador".
O Concello entende que ser os anfitrións do congreso Place Making Week Europe permitiría "seguir poñendo a Pontevedra no mapa" e aproveitar o potencial da cidade para xerar un importante retorno económico, xa que se estima unha alta participación.
Pontevedra, segundo Gulías, parte cun "punto forte" para poder albergar este evento e que é, sinalou a edil do BNG, "demostramos que fomos quen de converter a teoría en realidade e ser un exemplo de convivencia, creación e deseño urbano".
Para convencer aos organizadores, ademais do dossier que remitirán sobre a transformación urbana de Pontevedra, unha comitiva dos responsables do congreso visitará a cidade na última quincena de agosto para comprobar sobre o terreo as bondades deste modelo.
Place Making é, explicou a responsable de Promoción da cidade, un movemento que naceu en Chicago e que foi tecendo unha rede ao redor do deseño urbano, para construír "espazos de reflexión" sobre a vida nas cidades e crear "focos de debate".
Actualmente, conta con redes rexionais en Europa, Asia, América Latina, Australia e Canadá.