Invisten 380.000 euros en mellorar o subministro eléctrico e o aforro enerxético en Cotobade
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
A Xunta de Galicia invertirá 380.00 euros en obras de mellora do subministro eléctrico e aforro enerxético no Concello de Cotobade.
En relación as obras de mellora do subministro eléctrico, o obxectivo destes traballos é mellorar a calidade do servizo nos lugares de Cachopeiras y Rascadería, na parroquia de Almofrei. O alcalde do municipio, Jorge Cubela, destaca a importancia da execución deste proxecto, "xa que se trataba dunha importante demanda veciñal".
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís; Jorge Cubela e o o xefe territorial de Economía e Industria, Ignacio Rial, comprobaron este xoves as obras que se están a desenvolver, e que se enmarcan no Plan de Calidade 2013 da Consellería de Economía e Industria.
O delegado territorial recordou que o Plan de Calidade ten coma obxectivo apoiar as empresas do sector para que executen as obras necesarias que solucionen os problemas de calidade no servizo. "Deste xeito, o obxectivo final é mellorar a calidade e a garantía do subministro, especialmente no rural galego e en concellos como o de Cotobade onde hoxe nos atopamos", engadiu.
A maiores, José Manuel Cores Tourís visitou as obras que se executaron neste concello para mellorar a eficiencia enerxética e que se executaron a través de dúas axudas do INEGA destinadas ao Consorcio Conca do Lérez por un montante total de 333.000 euros para os tres concellos que conforman esta agrupación. A Cotobade correspondéronlle 60.000.
En Cotobade actuouse en 103 puntos de luz no cruce da Iglesia-Covas en Tenorio, onde se instalaron 103 reactancias electrónicas autoprogramables, 90 luminarias para lámpadas de descarga novas, reducindo as potencias das mesmas e instalando catro luminarias led nun reloxo astronómico. Ademais, en Translamos, Tenorio, actuouse sobre 58 puntos de luz e en Covas instaláronse reactancias electrónicas autoprogramables, reducindo as potencias e colocando un reloxo astronómico.
Segundo o alcalde, "en total actuamos nos 161 puntos de luz, o que suporía un aforro enerxético de 115.971 kwh ao ano, o que se traduciría en 16.609,77 euros." Esto permitiría que o concello amortizase o investimento nun prazo de tres anos e medio.