A crise aumenta un 30% as consultas por depresión e ansiedade na área sanitaria de Pontevedra
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
Este xoves, día 10 de outubro, celébrase o Día Mundial da Saúde Mental co obxectivo de acrecentar a conciencia da sociedade en torno aos problemas de saúde mental. O lema elixido este ano "Alternativas fronte á crise. O valor dos nosos dereitos", fai referencia ao impacto que a crise económica está tendo sobre a saúde mental, cun notable incremento dos diagnósticos por depresión, ansiedade, ataques de pánico ou problemas relacionados coa dependencia do alcohol, entre outros trastornos.
Na área sanitaria de Pontevedra, as demandas de atención no servizo de Psiquiatría aumentaron de xeito proporcional á patoloxía presente, cun incremento dun 30% nas consultas, en especial nas unidades ambulatorias, o que significou un maior esforzo dos profesionais para dar unha reposta máis rápida ás necesidades dos pacientes, cun abordaxe bio-psico-social da enfermidade.
A conmemoración do Día Mundial da Saúde Mental pretende facer visible a realidade dun problema que vai en aumento, dunha enfermidade que ás veces provoca rexeitamento, que tende a ocultar ás persoas que a padecen e que, a maior parte das veces, require un tratamento que non é só psicoterapéutico, senón tamén social.
Os especialistas indican que é imprescindible mirar ao enfermo como o que é, un enfermo, e non un estraño ou alguén "alienado". Por este motivo, o Complexo Hospitalario de Pontevedra uniuse á celebración do Día Mundial da Saúde Mental cun concerto de piano, organizado polo hospital de día do servizo de Psiquiatría, para que pacientes, familiares, profesionais sanitarios e cidadáns poidan compartir un momento de relaxación, á vez que permite dar difusión aos problemas derivados da enfermidade mental.