Recoñecen o "liderado e compromiso" da Deputación co premio 'Bikefriendly 2021'
Por Redacción
A Deputación de Pontevedra, grazas á Rede Ágora, vén de ser galardoada co premio 'Bikefriendly 2021' da Rede de Cidades pola bicicleta na categoría 'Liderado e Compromiso' como a institución do Estado con mellor proxecto para impulsar e fomentar o uso da bicicleta como medio de transporte urbano.
Segundo expón a organización do premio, a Deputación de Pontevedra obtivo o galardón 'Bikefriendly 2021' tomando o relevo do Concello de Sevilla –gañador da anterior edición- grazas "aos seus esforzos polo deseño e desenvolvemento de instrumentos orientados a impulsar, coordinar e avaliar accións orientadas a fomentar o uso da bicicleta nos seus territorios".
Un total de dez entes públicos presentaron a súa candidatura para esta categoría, obtendo o Concello de Barcelona e a Deputación Foral de Bizkaia as mellores valoracións por parte do xurado só despois da de Pontevedra.
O deputado Uxío Benítez amosou a súa satisfacción polo triunfo, subliñando que o 'BikeFriendly' marca o inicio doutros posibles premios para 'Ágora', un proxecto que segundo asegura "aínda ten moito percorrido por desenvolver".
O nacionalista valorou ademais ter sido premiado na categoría de ‘Liderado e Compromiso’, xa que este apartado pon en relevo de maneira específica e inequívoca o traballo da Deputación por promover iniciativas que facilitan o uso de mobilidades alternativas como a bicicleta. "Que Ágora sexa unha iniciativa merecedora dun galardón a nivel español é un grande recoñecemento", manifestou.
A entrega de premios realizarase o próximo 8 de xullo en Málaga tras a celebración do II Encontro da Bicicleta Urbana.