O Ministerio de Transportes recoñece á Rede Ágora da Deputación como unha iniciativa aliñada coa Nova Bauhaus Europea
Por Redacción
A Rede Ágora de Concellos Polo Espazo Público vén de ser recoñecida polo Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana (MITMA) como unha iniciativa "aliñada coa Nova Bauhaus Europea", un movemento impulsado pola presidenta da Comisión Europea Úrsula von der Leyen "para construír espazos de vida sustentables e accesibles".
É por iso que o deputado de Mobilidade, Uxío Benítez, estará este venres en Madrid nunha Xornada sobre a Nova Bauhaus xunto ao ministro José Luís Ábalos e representantes tanto do Parlamento como da Comisión Europea para dar a coñecer o proxecto da Deputación de Pontevedra para a recuperación do espazo público.
Na xornada Benítez compartirá mesa xunto a outras iniciativas consideradas igualmente aliñadas coa Nova Bauhaus, tales como a que exporá o alcalde de Sevilla Juan Espadas; Anna Ramos, directora da Fundación Mies van der Rohe; Vicente Guallart, director do Instituto IAAC de Cataluña; Eulalia Moreno de Acevedo Yagüe directora xeral de Urbanismo e Ordenación do territorio de Extremadura; Ramón Lasaosa Susín, presidente da Comisión Executiva da Fundación Beulas- CDAN de Huesca; Nuria Matarredona Desantes, directora xeral de Innovación Ecolóxica na Construción da Generalitat Valenciana; e Lluis Comeron, presidente do Consello Superior de Colexios de Arquitectos de España.
Entre as autoridades estarán tamén para presentar a Nova Bauhaus Marcos Ros, representante do Parlamento Europeo, que falará de "A Nova Bauhaus Europea: a arquitectura no centro das políticas da unión"; Montserrat Marín Ferrer, do Joint Research Center que tratará "A Nova Bauhaus Europea: Unidos na diversidade"; e Laura Hagemann Arellano, directora xeral de Política Rexional e Urbana da Comisión Europea.
O convite ao deputado de Mobilidade xorde despois dos parabéns que a Dirección Xeral de Axenda Urbana do MITMA deu á Deputación de Pontevedra por poñer en marcha a Rede Ágora que, en palabras do director Iñaqui Carnicero, é un proxecto que "pode servir de revulsivo para contaxiar outras provincias e que pouco a pouco cheguemos a un conxunto de cidades en toda España que entendan a trascendencia do espazo público".
Hai que lembrar que Ágora é unha rede de acción institucional entre a Deputación e os municipios da provincia para realizar políticas de recuperación do espazo público co obxectivo principal de multiplicar o espazo destinado ás persoas no horizonte de 2023 "de forma concreta e plasmable en números".
Nestes momentos forman parte de Ágora 54 concellos que traballan para seguir o decálogo de Principios Ágora baseado nas seguintes ideas: o espazo público é un dereito; as persoas primeiro; mobilidade inclusiva; autonomía infantil; mobilidades alternativas; espazos seguros; hábitat saudable; espazos amables e de calidade; actividade económica de proximidade; e mobilidade sustentable.
Relacionadas:
-
Transición Ecolóxica aproba a Axenda Urbana de Pontevedra, un documento para optar a axudas europeas que recollerá demandas veciñais
Por Redacción |
-
A Deputación convoca un certame de fotografía sobre o espazo público
Por Redacción |
-
Recoñecen o "liderado e compromiso" da Deputación co premio 'Bikefriendly 2021'
Por Redacción |
-
A Deputación comeza a elaboración dunha axenda urbana e rural propia para a provincia
Por Redacción |
-
Expertos cuestionan os patinetes e coches eléctricos como elementos de mobilidade alternativa
Por Redacción |
-
A Facultade Ágora acolle un último seminario sobre "Mobilidades alternativas" antes do parón do verán
Por Oskar Viéitez |
-
O director da DXT pon como exemplo de mobilidade urbana o Proxecto Ágora da Deputación
Por Redacción |
-
A Facultade Ágora analiza a redución do tráfico de paso e de transporte de mercadorías
Por Redacción |
-
Cuarta sesión da Facultade Ágora co recoñecemento dos peóns como base das cidades sustentables
Por Redacción |