Trasladan á Xunta as queixas polo "liliputiense" xulgado de garda de Pontevedra
Por Oskar Viéitez
Creada e actualizada
Creada e actualizada
O sindicato Alternativas na Xustiza (AXG) solicita á Xunta que se habilite no edificio da Parda un espazo para o xulgado de garda que estea dotado de ventilación e iluminación natural, "de cara tanto á saúde laboral dos traballadores como do público en xeral". Cualifican a esta instalación de "liliputiense" en referencia aos diminutos habitantes da illa de Liliput do famoso libro de Jonathan Swift, As viaxes de Gulliver.
Este sindicato, que forma parte da Central Unitaria de Traballadores (CUT), sinala que as declaracións que se fan no xulgado de garda pásanse nunha sala de 32 metros cadrados sen xanelas nin ventilación algunha, "na que están ata sete persoas xuntas entre detidos, policías, funcionarios, fiscais, xuíces e testemuñas".
Ademais desde a AXG engaden que "os xuízos rápidos tamén se pasan nesta mesma sala, polo que hai días nos que non se sae practicamente da mesma o que fai imposible a ventilación", ademais da distancia mínima de seguridade.
Ao compartir as mesmas dependencias todos os xulgados de instrución, que alternan a garda cada martes, por este espazo pasa de forma continua todo o persoal dos tres xulgados. E as roldas de recoñecemento "fanse nun recuncho sen xanelas nin ventilación estando nas mesmas mínimo tres persoas: a testemuña, o letrado, o avogado do detido e nalgúns xulgados tamén un funcionario".
Alternativas na Xustiza di que "non ten sentido ningún" que o xulgado de garda non estea dotado de espazos adaptados a tal fin "tendo en conta o gran espazo existente na actualidade nos xulgados da Parda despois da inauguración do novo edificio xudicial e o traslado ao mesmo da maioría de unidades xudiciais".
RESPOSTA DA XUNTA
Desde a delegación territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra explicaron, a raíz da publicación destas queixas, que o antigo edificio xudicial de Pontevedra conta con 10 salas de vistas e o novo outras 16 que están a disposición para o seu uso , ao igual que outros 6 espazos -3 na primeira planta e outros 3 na segunda- que ocupaban os xulgados de Instrución antes do seu traslado ao novo edificio.
Segundo aseguran, todos estes espazos foron acondicionados, contan con ventilación e as autoridades xudiciais poden dispoñer deles e organizar o seu uso para levar a cabo comparecencias, toma de declaracións e outras dilixencias.
En relación coa ventilación, tamén aseguran que as dependencias do xulgado de garda contan con ventás practicables.