![](/web/cache/scene/uploads/fotos/foto/2ca/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjawUqrKz891Lsov0DGzMN_/_AxNjDQSU7NK0kt0snNTEnJSVWyrgUA_/60c8d02f4a-ies-luis-seoane-1.jpg)
© Xunta de Galicia
Pontevedra ofertará preto de 1.800 prazas de formación profesional para o curso 2021/2022
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
![](/web/cache/scene/uploads/fotos/foto/18f/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjKxUipKLc6sStUxMjDQSU_/_7NK0kt0snNTEnJSVWyrgUA_/60c8d04fb0-ies-luis-seoane-2.jpg)
© Xunta de Galicia
O curso académico 2021/2022 terá en Pontevedra unha ampla oferta de prazas e de ciclos formativos.
En total, a Consellería de Cultura, Educación e Universidade vai ofrecer 1.778 prazas de formación profesional a través das modalidades ordinaria, para adultos e de programas formativos básicos. Esta oferta formativa repartirase nos 69 ciclos que se impartirán en dez centros da cidade de Pontevedra.
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, acompañado polo xefe territorial de Educación, César Pérez, visitou o IES Luis Seoane, no barrio de Monte Porreiro, para informar de todas estas posibilidades formativas e anunciar a incorporación, neste instituto, do Grao Superior de Transporte e Loxística, que será a principal novidade para o próximo curso.
Este novo ciclo enmárcase na modalidade para adultos en réxime a distancia, aínda que se combinará con certas ensinanzas presenciais, disporá de 50 prazas e unha carga lectiva de 639 horas.
A maiores, a oferta da formación profesional na cidade de Pontevedra vai aumentar nas vindeiras datas coa publicación de novos ciclos e ensinanzas a través das modalidades duais de FP, másteres e cursos de especialización.
En todos os casos, o prazo de presentación de solicitudes abrirase o vindeiro 25 de xuño e prolongarase ata o 5 de xullo. A matrícula da primeira adxudicación de prazas comezará o 20 de xullo.
Pódese consultar a oferta de formación profesional en Galicia para o curso 2021/2022 na seguinte ligazón: www.edu.xunta.gal/fp/oferta-fp