Os Bombeiros de Pontevedra controlan un incendio nunha vivenda da rúa Ciriña
Por Redacción
Dous camións de bombeiros do Parque de Pontevedra desprazábanse ás 13.00 horas deste domingo 13 de xuño ata a rúa Ciriña, situada nas proximidades da rotonda da avenida de Lugo.
O 112 Galicia alertara da presenza dun incendio orixinado nunha vivenda do segundo andar do edificio número 3 desta rúa. Unha vez que chegaron os bombeiros, comprobaron que o lume iniciado na cociña do piso espallárase por outras habitacións lindeiras.
Segundo a información facilitada desde o Parque de Pontevedra, a pesar da considerable presenza de fume, a intervención foi limpa e rápida sufocando e aireando rapidamente a vivenda sen que se rexistrasen incidentes maiores no edificio.
Non se produciron danos persoais, segundo as mesmas fontes. Ata o lugar tamén se achegaban axentes da Policía Local de Pontevedra.