Amplo despregamento para sufocar un incendio nunha céntrica pizzería
Por Mónica Patxot & María José Pita
Unha gran fumareda escura e un forte cheiro a cables queimados fixo saltar as alarmas nas dúas cafeterías veciñas á pizzería Pica Pizza, situada na rúa Marqués de Riestra, número 36, de Pontevedra, e que neses momentos se atopaba pechada. Sucedía ao redor das 16:30 horas deste caloroso xoves 16 de setembro.
Dous camións de Bombeiros e dúas dotacións da Policía Local realizaron a intervención, tras o aviso de Emerxencias Galicia-112.
Posteriormente, acudiron á zona dúas ambulancias para auxiliar ao empregado da pizzería, que ao regresar ao local sufría un desmaio por unha crise de ansiedade. Nun primeiro momento foi atendido por axentes da Policía Local, que lle axudaron a sentar nunha cadeira e estiveron varios minutos tranquilizándoo ata a chegada do persoal sanitario.
Todos os indicios apuntan a que este home abandonaría uns minutos o establecemento, sen decatarse de que había unha frixideira acesa. En pouco tempo, o aparello en combustión e o feito de que o enreixado estivese botado axudaron a que o fume asolagase todo o pequeno local e se estendese pola fachada exterior.
Ata o lugar achegáronse Vicente Ferrería, xefe de Bombeiros de Pontevedra, e a concelleira de Seguridade Cidadá Eva Villaverde.
O xefe de Bombeiros relataba a PontevedraViva a secuencia dos acontecementos:
"Tivemos un requirimento por unha saída de fume neste local. O que ocorreu é que o traballador sobre as tres da tarde saíu do local, en principio manifesta que deixou todo apagado pero, polo que sexa, algo non debeu quedar nas mellores condicións e produciuse a inflamación na zona de cociñado dunha frixideira, que logo sobe e afecta a parte do mobiliario e instalación eléctrica. Houbo bastante temperatura, porque produciu moita deterioración no interior", explica Vicente Ferrería.
A intervención prolongouse por espazo dunha hora, xa que os bombeiros tiveron que forzar os dous enreixados do local, debido a que o sistema de apertura eléctrico se viu afectado polo lume. "Á nosa chegada búscase a localización do foco principal, unha vez no interior viuse a zona afectada, cunha liña de auga procedeuse á súa extinción e logo o que se utilizou foi ventilación positiva para favorecer o resto de tarefas que se realizan, como é a ventilación e garantir e ver que a extinción está feita adecuadamente", aclara o xefe de Bombeiros.
O responsable dos Bombeiros de Pontevedra tamén nos confirma que o traballador que foi atendido polos sanitarios desprazados en ambulancia sufriría un episodio de ansiedade "ao atopar a deterioración e a situación na que quedou o seu local" e que en ningún caso viuse afectado pola inhalación de fume, xa que no momento do incendio non se atopaba no lugar.
O operativo de Bombeiros chamou a atención de numerosas persoas que pasaban pola zona, un punto moi céntrico fronte ás Ruínas de Santo Domingo. Con todo, este amplo despregamento sería unha cobertura ordinaria. "En principio é a dotación de saída a que acode ao lugar e non foi necesario mobilizar máis que o habitual", sinala o xefe de Bombeiros.
* AMPLIACIÓN: Ao alcanzar o interior do local temperaturas tan elevadas e para asegurar que o lume non afectase á estrutura do baixo e traspasase aos inmobles lindeiros, os bombeiros tiveron que abrir o falso teito e arrincar todo o mobiliario. Entre os estragos provocados polo lume e o das tarefas necesarias para garantir a seguridade e a completa extinción, o local resultou totalmente devastado.
Relacionadas:
-
Os Bombeiros de Pontevedra controlan un incendio nunha vivenda da rúa Ciriña
Por Redacción |
-
Incendio nunha vivenda abandonada na avenida de Uruguai
Por Redacción |
-
Os bombeiros sufocan un incendio na rúa Sarmiento, na zona vella de Pontevedra
Por Redacción |
-
Susto nun edificio da rúa Echegaray tras iniciarse un incendio na cociña dunha vivenda
Por María José Pita |