A praia de Areas inundada pola marea verde
Por Oskar Viéitez
A utilización das algas como abono remóntase ao século XIX, non obstante coa chegada dos fertilizantes químicos sintéticos perdeuse este costume e hoxe en día non hai quen recolla as algas das nosas costas, como sucede esta fin de semana na praia de Areas.
Pero cada vez son máis as voces reclaman que se recupere aquela práctica dos nosos antepasados e se aposte de novo polo uso das algas xa que melloran o chan e vigorizan as plantas, incrementando os rendementos e a calidade das colleitas.
Non se trata só de argumentos de economía sostible, é tamén unha aposta segura. A comunidade científica coincide en que a algas teñen mellores propiedades que os fertilizantes artificiais porque liberan máis lentamente o nitróxeno, e ademais son ricas en micronutrientes, aminoácidos, vitaminas e fitohormonas vexetais, actúan como acondicionador do chan e contribúen á retención da humidade.
As confrarías de San Telmo, Lourizán e Raxó están a levar a cabo un plan pioneiro en Galicia de compostaxe ecolóxica certificada deseñada como unha solución ao problema que supón para os mariscadores a acumulación das algas nos seus bancos xa que asfixía ao marisco.
A estratexia deseñada polo Cetmar, dependente da Consellería do Mar, pasa pola recollida de algas e a súa transformación na planta de Ecocelta en Ponteareas para a súa conversión nun fertilizante útil.
De modo que o que a ameaza dos bancos marisqueiros ou o fétido estorbo dos veraneantes pode ter un vantaxoso destino aboando viñedos ou mellorando a calidade do chan de hortas. Neste proxecto ademais das tres confrarías do fondo da ría están involucrados a Xunta e os concellos de Poio e Pontevedra.