Seis detidos tras desarticular un laboratorio de preparación de droga en Meis e incautar case un quilo de 'crack'
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
Importante operación contra o tráfico de drogas nas Rías Baixas. A Unidade contra a Delincuencia e o Crime Organizado (Udyco) da Policía Nacional desarticulou unha organización dedicada á introdución, cultivo, preparación e posterior distribución de importantes cantidades de droga en Galicia. Entre outros rasgos, chama a atención que traballaban con case todos os tipos de droga que proliferan na comunidade: marihuana, haxix, cocaína, heroína e crack.
O balance provisional da operación inclúe a detención de seis persoas, a desarticulación dun laboratorio de preparación de droga situado nunha vivenda de Mosteiro (Meis) e a incautación de preto dun quilo de crack, quilo e media de heroína, a mesma cantidade de cocaína, máis de 110 quilos de cogollos de marihuana , dous quilos de haxix, 35 quilos de substancias de corte e 50 litros de licor de marihuana.
Tanto os responsables do operativo como a comisaria provincial, Estíbaliz Palma, e a subdelegada do goberno en Pontevedra, Maica Larriba, destacaron pola súa transcendencia a incautación do crack, unha substancia "moi adictiva" e cuxa incautación é "pouco frecuente" na comunidade.
O inspector xefe do grupo 2 de Udyco Galicia destacou ante os medios de comunicación que lles fixo "especial ilusión" localizalo, pois supón sacar do mercado unha substancia responsable de moitas adiccións.
A operación, bautizada Aceifa, diríxea o Xulgado de Primeira Instancia e Instrución número 2 de Cambados, que ordenou o ingreso en prisión de dous dos seis detidos. Cinco deles son naturais da provincia de Pontevedra e o sexto é de orixe húngara.
Os responsables policiais compareceron este luns na Comisaría Provincial da Policía Nacional de Pontevedra e mostrasen o importante alixo intervido. Perante todas as substancias, Maica Larriba destacou que o crack é unha substancia "especialmente adictiva e perigosa para a saúde", un derivado da cocaína "pouco frecuente en Galicia". "Nos hace especial ilusión, es una sustancia que no es muy frecuente, es una satisfacción", engadiu o inspector xefe de Udyco.
As detencións producíronse o 4 de xuño, mesmo día en que os axentes de Udyco realizaron o rexistro na casa de Mosteiro, no que confirmaron que había un laboratorio no que manipulaban as distintas substancias. Tamén que os detidos, case todos con antecedentes, desempeñaban un rol diferente nunha organización coas funcións moi ben definidas.
O inspector xefe do grupo 2 de Udyco salientó que a operación ten "muchísima importancia" porque se interveu case todo tipo de droga e pola "capacidad económica" da organización.
"La rentabilidad económica es mucha", en especial a da marihuana, pois venden a 1.500 euros cada quilo de marihuana e interviñéronse 110, de modo que, tan só por esta substancia lograrían 165.000 euros.
A maiores, cada quilo de cocaína tradúcese en entre 30.000 e 35.000 euros e incautouse quilo e medio e no caso da heroína a rendibilidade é mesmo maior, pois fan máis corte e dun quilo sacan dous quilos e medio.
Relacionadas:
-
O principal acusado de montar un laboratorio de drogas en Meis recoñece os feitos e exculpa á súa nai
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
Piden nove anos de cárcere para dous acusados de montar un laboratorio de drogas en Meis
Por Oskar Viéitez |
-
Cae unha rede empresarial con ramificacións en Pontevedra dedicada ao transporte de haxix
Por Oskar Viéitez |
-
Os acusados de introducir 400 quilos de cocaína en España decláranse inocentes e piden a nulidade das investigacións
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |