O Mercantil estrea nova imaxe para simbolizar un "cambio de era"
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
Con 93 anos de historia ás súas costas, o Casino Mercantil de Pontevedra decidiu renovarse. Apostou por unha nova imaxe corporativa e estreou unha nova páxina web para "simbolizar o cambio de era" tras a pandemia da covid-19.
A xunta directiva da entidade, presidida por Ernesto Filgueira, destaca que esta nova imaxe busca transmitir os seus valores, entre eles "tradición, transformación, adaptabilidade, constancia e innovación, capacidade de adaptación e superación ante os desafíos".
Para iso, o renovado logotipo aproveita unha gama de cores vivas, frescos e facilmente distinguibles que convidan á proximidade e ao contacto social; e a nova tipografía composta de liñas máis férreas quere simbolizar a resistencia que caracteriza á entidade.
Todos os elementos que compoñen a renovada identidade corporativa iranse introducindo paulatinamente en todas as comunicacións, actos, eventos e acontecementos deportivos do Casino Mercantil ao longo das próximas semanas.
A transformación da imaxe corporativa coincide co lanzamento da nova web caracterizada por un deseño vivo e formal, intuitivo, de fácil navegación e con máis contidos para mellorar a atención e os servizos que presta aos seus socios.
En mercantildepontevedra.es darase conta de todas as actividades e o seu calendario, o anuncio dos eventos deportivos, das salas de actos dispoñibles para alugar ou dos servizos de restauración e as instalacións do polideportivo de Mourente.