A Universidade resolve a favor de Fisioterapia no seu conflito de competencias con Ciencias da Educación
Por Oskar Viéitez
A Universidade de Vigo resolveu a favor da Facultade de Fisioterapia no conflito de competencias planteado con Ciencias da Educación.
O Consello de Goberno da Universidade, nunha sesión extraordinaria celebrada este xoves acordou non admitir a trámite o recurso potestativo de reposición presentado polo decano da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, Óscar García, contra a aprobación da declaración de interese, presentada pola Facultade de Fisioterapia, dun futuro Mestrado en Exercicio Terapéutico e Funcional en Fisioterapia.
A decisión baseouse nun informe da Asesoría Xurídica que sinalaba que a aprobación desta declaración de interese constitúe un "acto de trámite non cualificado" contra o que non cabería este recurso, que debería interporse no "momento procesual axeitado" contra o acto que poña fin ao procedemento, neste caso a aprobación da memoria da titulación por parte do Consello de Goberno.
O decano de Ciencias da Educación e do Deporte afirmou que o recurso fundaméntase na "ausencia de competencias en exercicio físico, terapéutico e funcional" da profesión de fisioterapeuta, que poderían, ao seu xuízo, facer que este mestrado "se desenvolvese dentro dun marco de inseguridade xurídica". Segundo Óscar García, a titulación proposta supón unha "invasión das competencias que ten outorgadas o grao en Ciencias da Actividade Física e do Deporte".
A decana de Fisioterapia, pola súa banda, sostivo que "o exercicio terapéutico é unha competencia exclusiva dunha titulación sanitaria como é a do grao en Fisioterapia". Eva Lantarón afirmou que "non existe ningún recoñecemento legal en favor dos licenciados ou graduados en Ciencias da Actividade Física e do Deporte para participar en procesos asistenciais ou de atención en saúde", como sería "o proceso de curación dun lesionado a través do exercicio terapéutico".